Estás en:Novas

O vicepresidente pon en valor o Pico Sacro, que, “representa unha forma de entender o territorio”

O vicepresidente participou esta mañá na presentación do documental "Pico Sacro, monte de mitos e lendas" xunto ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato

Tras a visita, Regueira e o alcalde visitaron o espazo de Enoturismo María Manuela

"O Pico Sacro é, ademais, un dos grandes símbolos da nosa identidade. Non é só unha elevación singular na paisaxe. É un lugar onde conviven a natureza, a historia, as lendas e a identidade dun territorio que soubo conservar un patrimonio de valor extraordinario", salientou o vicepresidente

O vicepresidente pon en valor o Pico Sacro, que, “representa unha forma de entender o territorio”

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación do documental Pico Sacro, monte de mitos e lendas, unha produción audiovisual que afonda na riqueza histórica, cultural, relixiosa e natural deste enclave singular, acompañado do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. Regueira salientou durante a súa intervención que o documental "supón unha excelente oportunidade para achegarnos a un dos espazos máis emblemáticos da nosa xeografía desde unha nova mirada".

"O Pico Sacro é, ademais, un dos grandes símbolos da nosa identidade. Non é só unha elevación singular na paisaxe. É un lugar onde conviven a natureza, a historia, as lendas e a identidade dun territorio que soubo conservar un patrimonio de valor extraordinario". "Mais o valor do Pico Sacro", engadiu, "vai moito máis alá do seu significado histórico. Representa unha forma de entender o territorio. Un territorio que non é un decorado, senón un espazo vivo, construído xeración tras xeración polas persoas que habitan e coidan esta terra".

Tras as presentacións, proxectouse a peza audiovisual, que propón unha viaxe polas diferentes dimensións que conforman a identidade do Pico Sacro. O documental explora a súa relevancia histórica e literaria, o seu papel na tradición relixiosa vinculada ás lendas xacobeas e ás romarías populares, a súa singularidade xeográfica e xeolóxica, así como o extenso imaxinario colectivo que, ao longo dos séculos, converteuno en escenario de mitos, fogar de dragóns e porta cara ao inframundo.

Despois da presentación do documental, o vicepresidente e o alcalde trasladáronse ao espazo de Enoturismo María Manuela para coñecer as súas instalacións. "exemplo de como o patrimonio, a paisaxe e a actividade económica poden ir da man para crear proxectos con identidade propia e fortemente vinculados ao territorio". Ademais, Regueira fixo fincapé nas oportunidades que xeran no rural "iniciativas como esta, que apostan pola calidade, pola posta en valor dos recursos locais e por un modelo de desenvolvemento sustentable".