Estás en:Novas

Formoso participou na presentación do Atlas Urbano da Sostibilidade

O presidente da Deputación da Coruña destaca a utilidade do informe para mellorar as políticas públicas nas cidades galegas

Formoso participou na presentación do Atlas Urbano da Sostibilidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na presentación da cuarta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, promovido por Economía Digital Galicia coa colaboración da institución provincial. O informe analiza a situación da economía circular nas sete cidades galegas a través de 45 indicadores relacionados coa xestión da auga, os residuos, a mobilidade, a calidade ambiental ou a gobernanza.

Durante a súa intervención, Formoso destacou a utilidade deste traballo como ferramenta de apoio á toma de decisións das administracións públicas. "Gobernar é tomar decisións, e para facelo con precisión é necesario contar con datos rigorosos, comparables e actualizados", afirmou.

O presidente provincial subliñou que o Atlas ofrece unha radiografía detallada do funcionamento das cidades galegas desde a perspectiva da economía circular, analizando o que denomina "metabolismo urbano": os recursos que consomen, a forma en que os utilizan, os residuos e impactos que xeran e a capacidade institucional para xestionar de maneira máis eficiente ese ciclo.

A investigación conclúe que as cidades galegas avanzan cara a modelos máis sostibles, aínda que con importantes diferenzas segundo a súa capacidade de xestión. O estudo identifica a xestión dos residuos, a implantación da recollida de biorresiduos, a eficiencia no consumo de auga, a mobilidade sostible e a mellora da información ambiental como algúns dos principais retos de futuro.

Formoso destacou que informes como este permiten "falar con datos, identificar fortalezas e detectar ámbitos de mellora", contribuíndo a orientar políticas públicas máis eficaces e adaptadas á realidade de cada territorio.

O presidente lembrou tamén o compromiso da Deputación da Coruña co apoio aos concellos na mellora dos servizos públicos, a eficiencia enerxética, a protección ambiental e a modernización da xestión municipal. Neste sentido, destacou o papel do Plan Único, que permitiu mobilizar preto de 1.000 millóns de euros de investimento nos municipios da provincia durante os últimos once anos.

Formoso felicitou aos responsables do Atlas polo seu traballo e agradeceu a Economía Digital Galicia o impulso dunha iniciativa que contribúe a coñecer mellor a realidade urbana galega e a orientar a acción pública cara a cidades máis sostibles, eficientes e habitables.