Estás en:Novas

Adxudicadas as 60 bolsas para estudar inglés en Irlanda este verán da man da Deputación

O programa asume todos os custos de viaxe, docencia e aloxamento en Tipperary durante o mes de xullo cunha dotación de 4.816 euros por beneficiario, priorizando o acceso da mocidade dos concellos máis pequenos do rural.

Na resolución tamén se recolle a lista de agarda no caso de ter que cubrir posibles baixas de última hora.

Adxudicadas as 60 bolsas para estudar inglés en Irlanda este verán da man da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a resolución definitiva coa listaxe das 60 alumnas e alumnos de primeiro de Bacharelato que se beneficiarán este verán das bolsas de inmersión lingüística en Irlanda que promove a Deputación.

A iniciativa asume o 100% dos gastos derivados da actividade, cun investimento que ascende a 4.816,61 euros por estudante en concepto de axuda pública en especie. Este importe cobre integramente os voos de ida e volta desde Santiago de Compostela ata Dublín, os traslados internos en autobús, un seguro completo de viaxe e a asistencia continuada de titores e monitores durante as catro semanas que dura a estadía.

O destino elixido para o desenvolvemento do programa é a localidade de Tipperary, no sur de Irlanda, onde os mozos e mozas residirán entre o 1 e o 29 de xullo de 2026. O centro neurálxico da actividade será o SEDA College Tipperary, situado no campus de Rockwell College, un complexo que conta con máis de século e medio de traxectoria educativa e que dispón de instalacións completas para a docencia, o deporte e o lecer.

O alumnado, que se aloxará en réxime de pensión completa en habitacións compartidas, asistirá a un total de 20 horas semanais de clase de inglés. Estas sesións organizaranse en grupos reducidos tras unha proba de nivel previa, priorizando unha metodoloxía práctica e dinámica baseada na comunicación oral.

Máis alá das aulas, a programación inclúe un amplo abano de actividades culturais e deportivas que van desde a danza ou a cociña tradicional irlandesa ata deportes acuáticos e de equipo, fomentando así a convivencia e o intercambio cultural. O itinerario formativo complétase con excursións programadas de día completo para coñecer enclaves emblemáticos do país, como as cidades de Cork, Kilkenny e o seu castelo, a localidade de Cashel Town e Waterford.

Ao tratarse dunha viaxe internacional con menores de idade, é indispensable que as persoas seleccionadas dispoñan de DNI ou pasaporte en vigor, xunto coa correspondente autorización policial de saída ao estranxeiro. Así mesmo, recoméndase tramitar a Tarxeta Sanitaria Europea para complementar a cobertura que xa inclúe o propio seguro do programa.

A resolución definitiva publicada hoxe recolle tamén a listaxe de agarda ordenada segundo os criterios de valoración da convocatoria —que combinaron o expediente académico e a situación socioeconómica das familias— co obxectivo de cubrir posibles baixas de última hora antes da partida do alumnado en xullo.

A resolución definitiva publicada hoxe no BOP pode consultarse aquí:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/06/11/2026_0000003929.pdf