‘A Paisaxe que sabe’ da Deputación exhibe o talento gastronómico e artesanal da provincia na Festa do Marisco da Confraría de Barallobre
A institución provincial participa nesta cita culinaria coa súa campaña 'A Paisaxe que sabe' a través dun espazo propio que acollerá demostracións de cociña en directo e seis firmas artesás
A Deputación súmase esta fin de semana á Festa do Marisco da Confraría de Barallobre en Xubia (Narón) cun espazo propio centrado na súa campaña 'A Paisaxe que sabe', unha iniciativa institucional coa que promove o potencial agroalimentario dos municipios coruñeses. O organismo provincial instalará no corazón deste evento unha carpa que funcionará como escaparate da gastronomía e artesanía da provincia, unindo nun mesmo ambiente exclusivo as demostracións culinarias en directo e o traballo de vangarda de seis recoñecidos creadores do tecido artesanal coruñés.
Nesta firme aposta polo deseño local e os oficios tradicionais revisados, o público que visite a feira de Narón poderá coñecer de preto as propostas de Cecilia Machado coa marca 'Moira Artesanía', José Rodrigo Riveiro Requeijo a través de 'Ferraxe de Prata', Iria García Pérez co selo 'Vacatola', Sergio Picos Carballeira baixo a firma 'Comeluz', María Isabel Alonso Brandariz de 'Bo Peixe' e Berta García Calderón co proxecto 'Na Mea Nani'.
De xeito paralelo, a cociña en directo converterase nun dos grandes atractivos de 'A Paisaxe que sabe' grazas aos showcookings que impartirá Nair González, recoñecida chef do restaurante 'Muelle 43' de Mugardos. A cociñeira ofrecerá un total de tres pases diarios fixados para as 11:30, as 13:00 e as 17:30 horas, asegurando unha ampla cobertura para que todas as persoas visitantes poidan descubrir as súas creacións.
O menú deseñado para o sábado día 13 centrarase no produto mariño a través dunha tosta de vieira de Ferrol mariñada con crema de queixo do Eume e cítricos da Fusquenlla, á que sucederá un prato protagonizado polo polbo de Mugardos. Na xornada do domingo día 14, a proposta variará cara a sabores intensos e texturas atlánticas, ofrecendo en primeiro lugar un carneiro en salsa da ría para pechar a programación cun fresco ceviche atlántico de peixe sapo.
