Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a Fiscalía Xeral do Estado clausuran no Pazo de Mariñán a Escola de Verán do Ministerio Fiscal


A edición deste ano centrouse na protección e tutela das vítimas no proceso penal

A Deputación da Coruña e a Fiscalía Xeral do Estado clausuran no Pazo de Mariñán a Escola de Verán do Ministerio Fiscal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a fiscal xeral do Estado, Teresa Peramato, clausuraron hoxe no Pazo de Mariñán, en Bergondo, a Escola de Verán do Ministerio Fiscal 2026, que durante esta semana reuniu en Galicia a fiscais procedentes de toda España arredor do tema "Protección e tutela das vítimas no proceso penal".

No acto de clausura participaron tamén a fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró, o director do Centro de Estudos Xurídicos, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, representantes institucionais e profesionais do ámbito xurídico que tomaron parte nunha nova edición deste encontro formativo de referencia para o Ministerio Fiscal.

Durante a súa intervención, González Formoso agradeceu á Fiscalía Xeral do Estado e ao Centro de Estudos Xurídicos que continúen confiando "ano tras ano" en Galicia, facendo do Pazo de Mariñán a sede oficial desta cita, froito dunha relación institucional sólida construída ao longo de 24 anos.

O presidente provincial salientou que Mariñán, patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas, volveu exercer estes días unha das súas funcións máis valiosas: "ser un espazo aberto ao coñecemento, ao encontro entre institucións e ao servizo público".

A Escola de Verán do Ministerio Fiscal abordou nesta edición un asunto central para o sistema xudicial: a atención ás vítimas dentro do proceso penal.

O presidente da Deputación incidiu na importancia de evitar a revitimización das persoas que acoden á xustiza despois de seren vítimas dun delito, e afirmou que este é un reto que obriga a reforzar a coordinación entre institucións, administracións, Fiscalía, xulgados e servizos sociais.

"Unha persoa que acode á xustiza despois de sufrir un delito non pode saír dela máis danada do que entrou", sinalou Formoso, que defendeu unha xustiza "máis próxima, máis coordinada e máis humana", centrada na dignidade das persoas.

Na súa intervención, o presidente provincial puxo tamén en valor o papel do Pazo de Mariñán como punto de encontro entre Galicia e o conxunto de España, entre o coñecemento xurídico de alto nivel e a cidadanía, e entre a tradición institucional e os grandes desafíos do presente.

González Formoso agradeceu finalmente o traballo dos fiscais e fiscalas participantes, dos relatores, do equipo organizador, da Fiscalía Xeral do Estado e do Centro de Estudos Xurídicos, e trasladou o desexo da Deputación da Coruña de seguir fortalecendo no futuro esta colaboración institucional.

A Escola de Verán do Ministerio Fiscal pecha así unha nova edición en Mariñán, consolidando o pazo bergondés como sede dun foro de formación, reflexión e debate arredor dalgúns dos principais retos da xustiza en España.