O vicepresidente presenta en Negreira a nova guía turística do municipio, editada co apoio da Deputación
A publicación aporta información actualizada do municipio e pon o foco no impacto do Xacobeo
Xunto a Regueira, tamén asistiu ao acto de presentación a deputada provincial Natividade González, acompañados do alcalde, Ángel Leis; do autor, Amancio Liñares e da exdocente, Clara Rodríguez
"O Camiño contribúe a crear actividade económica, a xerar emprego e a proxectar a nosa imaxe máis alá das nosas fronteiras. Por iso é importante contar con publicacións como esta, que permiten poñer en valor os recursos propios do territorio, reforzar a nosa identidade e ofrecer unha experiencia turística máis completa"
Negreira presentou esta tarde na Casa da Cultura de Negreira a súa nova guía turística, elaborada en colaboración coa Deputación da Coruña. O vicepresidente provincial e a deputada Natividade González asistiron ao acto de presentación, onde estiveron acompañados do rexedor, Ángel Leis; do autor, Amancio Liñares e da exdocente, Clara Rodríguez.
Trátase da terceira publicación do historiador local, que aporta novos contidos e información actualizada, e pon o foco no fenómeno xacobeo e a súa repercusión no municipio. Neste sentido, Regueira sinalou que "é unha valiosa ferramenta para dar a coñecer a riqueza patrimonial, paisaxística e cultural do municipio desde unha mirada actualizada, con rigor e un gran respecto como ven facendo sempre Amancio Liñares".
O vicepresidente tamén destacou a relevancia do Xacobeo para o municipio, "que o converte nun punto estratéxico do Camiño a Fisterra e Muxía, xerando novas oportunidades para o desenvolvemento local e para a promoción dun turismo de calidade". Así, "esta nova guía recolle esa transformación e amosa como Negreira soubo aproveitar a oportunidade para reforzar a súa oferta turística, mellorar os servizos e poñer en valor o seu patrimonio natural, histórico e cultural".
"O Camiño non só trae visitantes; tamén axuda a crear actividade económica, a xerar emprego e a proxectar a imaxe do municipio máis alá das nosas fronteiras. Por iso é importante contar con publicacións como esta, que permiten poñer en valor os recursos propios do territorio, reforzar a súa identidade e ofrecer aos visitantes unha experiencia máis completa".
A publicación ofrece datos demográficos e económicos actualizados, e do apartado gráfico encargáronse as profesionais locais de Abraham Fotógrafas. Tamén recolle o crecemento en albergues e a inclusión de Negreira entre os pobos máis bonitos pola ponte de Maceira, así como os novos miradoiros de Sopensa e do Cotro.
