Estás en:Novas

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación reuniu preto de mil participantes na súa 27ª edición

José Ramón Rioboo salienta no Teatro Colón o "poder transformador da cultura" nunha gala na que se entregaron 35 premios e se recoñeceu o talento dos 74 compañías e grupos teatrais participantes nesta edición

O Premio de Honra desta edición foi para Manuel Lourenzo, de Casahamlet, cando se cumpre o primeiro aniversario do seu pasamento

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación reuniu preto de mil participantes na súa 27ª edición

O Teatro Colón da Coruña encheuse onte á noite para celebrar a clausura do Certame de Teatro Escolar e Afeccionado organizado polo IES Rosalía Mera e a Deputación da Coruña, unha cita que chega á súa vixésimo sétima edición consolidada como o certame de referencia en Galicia no seu ámbito.

O encontro reuniu este ano a 947 participantes e contou coa representación de 74 obras, procedentes principalmente da provincia da Coruña, pero tamén doutros puntos de Galicia e de comunidades como Madrid ou o País Vasco. A gala serviu para recoñecer o traballo desenvolvido durante os últimos meses polos grupos participantes, que representaron as súas obras no IES Rosalía Mera antes da entrega final de premios no Teatro Colón.

Na edición deste ano participaron 35 compañías na categoría afeccionada e 39 grupos nas categorías escolares. Destas últimas, 14 corresponderon á categoría cadete, 21 á infantil e 4 á benxamín, o que amosa a forte presenza das novas xeracións nun certame que leva case tres décadas achegando as artes escénicas á mocidade e ao tecido cultural de base.

Durante a gala entregáronse un total de 35 premios, cos que a Deputación recoñeceu a calidade das propostas presentadas, o esforzo dos elencos e equipos técnicos, e o papel fundamental que desempeñan centros educativos, asociacións culturais, compañías afeccionadas, profesorado, familias e persoas voluntarias na promoción do teatro.

No seu discurso de clausura, o deputado provincial José Ramón Rioboo destacou que o certame "é xa unha referencia no teatro escolar e afeccionado despois de 27 anos", e puxo en valor a súa capacidade para "crear canteira e facer do escenario un espazo de aprendizaxe, sen importar a idade".

Rioboo subliñou tamén o "poder transformador da cultura" e afirmou que a Deputación da Coruña seguirá apoiando iniciativas como esta, que facilitan o acceso da cidadanía ás artes escénicas.

Relación de premiados

Premio de honra

O Premio de Honra desta XXVII edición foi para Manuel Lourenzo, de Casahamlet, cando se cumpre case un ano do seu pasamento.

Categoría benxamín

Na categoría benxamín, o premio á mellor actuación foi para Soraya Westburg, por O Pazo de Don Limpo, de Melandrainas Asociación Teatral - Grupo Faragullas CEIP Ponte dos Brozos. O recoñecemento á mellor actuación de reparto recaeu en María Cundíns Castro, por Os Poetas e o Lume, do CEIP Labarta Pose. O premio á mellor dirección foi para Sinda Cundíns Caamaño, tamén por Os Poetas e o Lume.

Na modalidade de mellor obra, o primeiro premio foi para Os Poetas e o Lume, do CEIP Labarta Pose; o segundo, para O Pazo de Don Limpo, de Melandrainas Asociación Teatral - Grupo Faragullas CEIP Ponte dos Brozos; e o terceiro, para Aventura en el Valle, de Teatro Infantil - CEIP Eusebio da Guarda.

Categoría infantil

Na categoría infantil, o premio á mellor actuación foi para Brais Piñón Suárez, por No todos los Duendes son Verdes, de Melandrainas Asociación Teatral - Grupo PATACÓN. O premio á mellor actuación de reparto foi para Xela Torreiro Gómez, pola mesma obra, mentres que o recoñecemento á mellor dirección recaeu en Antía Fernández, tamén por No todos los Duendes son Verdes.

O primeiro premio á mellor obra foi para No todos los Duendes son Verdes, de Melandrainas Asociación Teatral - Grupo PATACÓN. O segundo premio foi para El País de las Maravillas, do Liceo La Paz; o terceiro, para Misterioso Camiño Inglés de Neda, da Escola de Teatro Infantil de Neda; o cuarto, para La Ciudad Gris, do Liceo La Paz; e o quinto, para El Maravilloso Mundo de los Snergs, da Cía de Teatro Noite Bohemia - Noitiña.

Categoría cadete

Na categoría cadete, o premio á mellor actuación foi para Sara Carneiro Primoy, por O Principiño, da Escola de Teatro Xuvenil de Neda. O premio á mellor actuación de reparto foi para Nuria Sanmartín, por Aurelio, Criado de Dous Patróns, de Agor Teatro. O premio á mellor dirección foi para Marian Rei, por O Principiño.

Na modalidade de mellor obra, o primeiro premio foi para O Principiño, da Escola de Teatro Xuvenil de Neda; o segundo, para El Mercader de Venecia, da Cía de Teatro Noite Bohemia - Abrente; o terceiro, para Aurelio, Criado de Dous Patróns, de Agor Teatro; o cuarto, para Esto no es "La Casa de Bernarda Alba" pero se le parece, de Baja Vara de Entrepatas Teatro; e o quinto, para Antígona, da Cía de Teatro Noite Bohemia - Abrente.

Categoría afeccionada

Na categoría afeccionada, o premio á mellor actuación foi para Marco A. Álvarez Rodríguez, por O Parvo, do Grupo de Teatro Badius. O premio á mellor actuación de reparto foi para Adrián Souto, por Roomies, de Entrepatas Teatro. O premio á mellor dirección foi para Alberto Villar López, por O Parvo.

Na modalidade de mellor obra, o primeiro premio foi para O Parvo, do Grupo de Teatro Badius; o segundo, para Bacantes, da Cía de Teatro Noite Bohemia; o terceiro, para Mucho Ruido y pocas Nueces, da Cía de Teatro Noite Bohemia; o cuarto, para Encrobas, de Catro Gatos; e o quinto, para ¡De Sastre!, de Cajón de Sastre Teatro.

Mencións especiais do xurado

O xurado concedeu tamén mencións especiais a Laura Bello, polo gran talento creativo amosado nas obras presentadas; a Nacho Varela, por escribir un marabilloso texto poñendo en valor a etapa adulta das mulleres; a Beni Suárez, por dar voz e protagonismo a mulleres adultas a través da súa obra; e a Manuel Chacón, por demostrar que a paixón polo teatro non ten límite de idade.