Estás en:Novas

O Museo do Humor de Fene acolleu a presentación do videoclip do gañador da 8ª edición do Concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña

Fene acolleu este sábado 13 de xuño a presentación da peza audiovisual gravada polo artista local Gael Ares, vencedor na categoría infantil do certame

En representación da Deputación da Coruña, a deputada Cristina García destacou a consolidación desta iniciativa e o firme apoio da institución á cultura, a lingua e os novos talentos

O Museo do Humor de Fene acolleu a presentación do videoclip do gañador da 8ª edición do Concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña

Nun Museo do Humor ateigado de público, a nova estrela da música fenesa, Gael Ares, fixo gozar ás persoas presentes coa súa paixón e creatividade artística. Así, este mediodía desvelábase á fin o traballo audiovisual que leva á pantalla este Bule-bule co que Gael trunfou no Quero Cantar.

A diversión, o respecto, o compañeirismo entre os participantes e a emoción de actuar diante dun gran público foron algunhas das lembranzas que destacou Gael Ares do seu paso polo certame Quero Cantar, lembrando que estivo nunha edición previa como xurado, momento no que decidiu que ao ano seguinte argallaría unha peza para subir tamén ao escenario do Teatro Colón. Recordou ademais que coa propia gratificación pola súa participación como xurado aproveitou para mercar o software musical co que aquelaría a peza que o levaría ao triunfo na oitava edición do concurso.

No evento estivo presente Cristina García, deputada da Deputación da Coruña, quen subliñou o convencemento da Área de Cultura da Deputación de que "apoiar os artistas, a cultura, a lingua e os novos talentos" é un obxectivo fundamental para a institución. A vocación de diversión e aprendizaxe foron as metas sobre as que chamou a atención Tono Formoso, comisario do certame, subliñando o desafío creativo para a rapazada de acudir á convocatoria cunha composición propia e inédita. Na presentación participou tamén a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quen salientou "o orgullo" de escoitar a Gael na súa vila natal, Fene, "terra de artistas onde apoiamos a cultura, a lingua e a tradición". Tamén estivo Miguel Calvo, responsable industrial de Navantia, quen agradeceu a escolla dos estaleiros feneses para a gravación do clip, todo un "símbolo e representación da comarca".

Bule Bule
Como parte do premio, os grupos e solistas gañadores do Concurso "Quero Cantar" de música infantil e xuvenil, organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, teñen a oportunidade de acceder a un estudio profesional para perfeccionar as súas pezas gañadoras e arranxar novos temas. Tamén para gravar a base do que será o seu primeiro videoclip.

Foi o caso de Gael Ares, gañador da oitava edición na categoría infantil, quen logo de espremer ao máximo os consellos profesionais e gozar do traballo en estudio, amosounos este sábado o ben que loce no audiovisual o seu talento artístico.

Como gañador na categoría infantil, Gael Ares foi premiado, ademais de con material musical e produtos culturais en galego por valor de 1500 euros, tamén coa gravación da maqueta en estudio profesional e coa gravación dun videoclip da canción gañadora presentada ao concurso. Deste xeito, a súa peza 'Bule bule', coa que gañou o favor do xurado en abril de 2025 durante a gala celebrada no Teatro Colón da Coruña, chega así á pantalla, nun vídeo que ten como escenario as instalacións de Navantia, cos guindastres do estaleiro de fondo dunha actuación que conta coa colaboración du grupo de bailadores, nenas e nenos da localidade.

O evento de lanzamento do videoclip tamén incluiu conversa con Gael e a súa actuación en directo. A peza, logo da súa presentación pública esta fin de semana, está xa dispoñible na canle de Youtube do concurso (https://www.youtube.com/@querocantar8892) e será divulgada nas redes sociais da iniciativa e da Deputación da Coruña.