Estás en:Novas

‘A Paisaxe que Sabe’ da Deputación, presente no CHICHAFEST de Santiago

A iniciativa provincial de posta en valor o produto gastronómico da provincia conta cun espazo protagonista neste evento que se celebra hoxe, sábado 13 de xuño, na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Regueira asistiu esta mañá ao encontro, acompañado da alcaldesa, Goretti Sanmartín.

‘A Paisaxe que Sabe’ da Deputación, presente no CHICHAFEST de Santiago

A campaña da Deputación da Coruña, 'A Paisaxe que Sabe', conta cun protagonismo central hoxe, sábado 13 de xuño, no CHICHAFEST. O evento, que acolle a gran final da primeira edición do certame musical ONDACHICHA na Sala Capitol de Santiago de Compostela, contará cun espazo gastronómico propio da institución provincial deseñado para promover a excelencia agroalimentaria e o territorio da provincia da Coruña.

A través deste espazo, as persoas que asistan ao festival poderán degustar algúns dos mellores produtos locais da nosa gastronomía mentres gozan da proposta musical do festival. O obxectivo que se persegue coa presenza de 'A Paisaxe que Sabe' neste tipo de eventos é combinar a gastronomía e o produto local da provincia con espazos culturais e todo tipo de feiras, dándolles un espazo aos produtores e cociñeiros e cociñeiras da provincia para amosar todo o potencial que ten a provincia da Coruña a nivel gastronómico.

As portas da Sala Capitol abriranse ás 12:30 horas para recibir aos asistentes, dando paso ás 13:00 á presentación oficial do proxecto ONDACHICHA. A partir das 13:30 arrancará formalmente a sesión vermú, momento no que o espazo gastronómico de A Paisaxe que Sabe cobrará especial relevancia coas propostas de produtores locais, degustacións, activacións e diversas sorpresas que convivirán cunha barra especial de Chichalovers.

O apartado musical comezará ás 15:00 cos concertos das tres bandas finalistas: Fuego Lolita, WhyNot e Skadelos, que competirán pola gravación dun EP nos estudos Garaxeland. Tras as actuacións, o xurado profesional retirarase a deliberar ás 17:00, para anunciar a banda gañadora media hora despois. O evento pecharase ás 18:15 cun acto de agradecemento, completando unha xornada única que une o talento emerxente galego co mellor da nosa despensa.