Estás en:Novas

Penas defende a contratación pública como un “motor económico” e sitúaa como unha ferramenta “de equilibrios”

O deputado de Contratación clausurou onte o III Congreso de Contratación Pública da Deputación da Coruña, consolidado como un foro de referencia estatal baixo o lema 'A contratación pública ao servizo da sociedade'

O encontro reuniu a máis dunha trintena de especialistas de seis administracións locais, tres autonómicas, o Goberno Central, órganos de control fiscal, oito universidades e o tecido empresarial

Penas defende a contratación pública como un “motor económico” e sitúaa como unha ferramenta “de equilibrios”

O deputado de Contratación, Xosé Penas, participou onte na clausura do III Congreso de Contratación Pública que organiza a Deputación, na que se reuniron especialistas de todo o Estado referentes a esta materia. Penas puxo en valor a contratación pública como un "motor económico", argumentando a súa postura en que este eido supón entre o 10 e o 15% do PIB do país. "É a ferramenta que ten o sector público para dinamizar o mercado", resumiu.

Penas incidiu en que a contratación pública debe fuxir do estereotipo de ser un proceso "aburrido ou mesmo de friquis". Reivindicou que o foro naceu para dar voz e conectar a todos os axentes que interactúan no que denominou "o círculo da contratación": a administración, a empresa e a política.

Neste senso, o responsable provincial lamentou as noticias negativas de quen a entende como "unha ferramenta ao servizo de poucos". Fronte a isto, defendeu que o verdadeiro obxectivo debe ser consolidala como un mecanismo "de control, de xestión, de solidariedade, de economía social, de igualdade e, en definitiva, de equilibrios".

O deputado avogou por unha colaboración público-privada transparente que xere emprego de calidade, estabilidade e riqueza. Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer o "inmenso traballo" e a calidade humana das máis de vinte persoas (na súa maioría mulleres) que forman o Servizo de Contratación da Deputación, encabezado por Beatriz Méndez.

Éxito de participación estatal

Baixo o lema 'A contratación pública ao servizo da sociedade', o encontro consolidouse como un foro estratéxico en España coa participación de 31 persoas relatoras e expertas do máximo nivel. O congreso logrou reunir representantes de seis administracións locais da provincia e tres autonómicas; órganos de control e do Estado como o Parlamento de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, a Avogacía do Estado o Banco de España ou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia; así como oito universidades de todo o país e destacadas federacións empresariais e cinco empresas privadas.