A Deputación informa en Ribeira das axudas provinciais para asociacións veciñais e de mulleres rurais
Cristina Capelán reuniuse coa Asociación de Amas de Casa da localidade para explicar as convocatorias deste ano e recoller propostas para futuras liñas de apoio
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, mantivo hoxe en Ribeira un encontro coa Asociación de Amas de Casa da localidade para informar das axudas da Deputación da Coruña dirixidas ás asociacións veciñais e de mulleres rurais da provincia.
A reunión serviu para explicar as convocatorias deste ano, resolver dúbidas e recoller ideas e suxestións das propias entidades, co obxectivo de telas en conta no deseño de futuras liñas de apoio.
Capelán lembrou que a Deputación acaba de conceder preto de 104.000 euros en axudas a asociacións veciñais e entidades de mulleres rurais para financiar diferentes actividades de promoción económica, dinamización comunitaria, formación, convivencia, envellecemento activo e lecer ao longo de 2026.
Estas axudas están dirixidas a entidades de concellos de menos de 50.000 habitantes; é dicir, todos os municipios da provincia agás A Coruña, Santiago e Ferrol. Entre os proxectos apoiados figuran obradoiros de memoria, cursos de ximnasia, actividades de estimulación física e cognitiva, encontros veciñais, viaxes culturais, accións formativas e programas para fortalecer a vida comunitaria nas parroquias.
"A mellor maneira de que as axudas funcionen é escoitar a quen as utiliza. Por iso vimos explicar as convocatorias, pero tamén tomar nota das necesidades reais das asociacións, das dificultades que atopan na tramitación e das propostas que poden axudarnos a mellorar futuras liñas", sinalou Cristina Capelán
A deputada destacou o papel das asociacións como "unha peza clave para manter vivos os nosos pobos, crear espazos de encontro e impulsar actividades que melloran a vida diaria da veciñanza".
O encontro en Ribeira forma parte do traballo de proximidade que a Deputación desenvolve co tecido asociativo da provincia para divulgar mellor os recursos dispoñibles, detectar novas necesidades e reforzar o papel das entidades locais na dinamización social dos concellos.
