Estás en:Novas

Valentín Formoso asiste á inauguración da nova sede global de Corporación Hijos de Rivera no polígono da Grela

Valentín Formoso asiste á inauguración da nova sede global de Corporación Hijos de Rivera no polígono da Grela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este venres no acto oficial de inauguración da nova sede corporativa global de Corporación Hijos de Rivera, emprazada no polígono industrial da Grela, na cidade da Coruña. O máximo responsable provincial acompañou á familia Rivera e ao resto de autoridades autonómicas e locais neste fito empresarial que coincide ademais co 120 aniversario da fundación da compañía de orixe coruñesa.

A nova infraestrutura sitúase de forma estratéxica e simbólica na rúa José María Rivera Corral, xusto en fronte da fábrica orixinal e do museo MEGA, ocupando a parcela do antigo almacén de gran da firma e do desaparecido centro comercial Comcor. Coa apertura destas instalacións, o grupo empresarial unifica a súa actividade de xestión e dirección estratéxica nun punto de referencia internacional e contribúe a consolidar o carácter de servizos avanzados e centralización directiva do polígono industrial da Grela no tecido socioeconómico provincial.

O proxecto arquitectónico, desenvolvido polos profesionais Manuel Gallego Jorreto e Pablo Gallego Picard sobre unha parcela de máis de 18.000 metros cadrados, conta con 14.000 metros cadrados construídos onde se estruturan oficinas, despachos, un auditorio, un centro de innovación e un estudio de gravación. As instalacións integran elementos coma un sistema de chan radiante, ventilación eficiente, 42 pozos de xeotermia e 480 paneis solares. Así mesmo, o complexo conta cun sistema automatizado de control de consumo enerxético e iluminación, ademais de espazos destinados a fomentar a mobilidade sustentable.

A contorna do edificio incorpora importantes espazos verdes integrados que inclúen dous patios interiores con vexetación, unha lagoa artificial para o almacenamento e aproveitamento da auga da chuvia e un bosque urbano composto por 150 árbores de 12 especies diferentes. Estas medidas teñen coma obxectivo prioritario xerar un impacto ambiental positivo e garantir unhas condicións óptimas de confort para os máis de 350 empregados que desenvolven a súa actividade laboral ordinaria na sede.

O evento inaugural incluíu o descubrimento dunha placa conmemorativa e dun busto na entrada principal dedicado a Ramón Rivera Illade, quen fose un dos pioneiros na mestría cervexeira do país e unha peza fundamental na modernización histórica da fábrica de Catro Camiños.