O Club de Remo de Cabo de Cruz gaña en Muros a Bandeira de Bateis Deputación da Coruña
O club boirense alzouse coa vitoria nas categorías masculina e feminina
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou na entrega dos trofeos dunha competición que reuniu o futuro do remo galego no porto muradán
O Club de Remo Cabo de Cruz foi o gran triunfador da II Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, disputada durante este sábado no porto de Muros, ao proclamarse vencedor tanto na clasificación masculina como na feminina.
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou na entrega das dúas bandeiras aos representantes do club boirense, que asinou unha xornada espectacular nunha competición dedicada ao remo de base.
A proba, organizada pola Deputación da Coruña coa colaboración da Federación Galega de Remo e o Club de Remo Muros, reuniu tripulacións das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en modalidade masculina como feminina. As regatas disputáronse ao longo da xornada, con clasificatorias pola mañá e finais pola tarde, sobre distancias adaptadas a cada categoría.
Antonio Leira destacou que esta bandeira "é unha aposta polo deporte de base e polos clubs que traballan cada día para manter viva unha tradición profundamente ligada ao mar, á costa e á identidade de Galicia, como é o remo".
O deputado agradeceu tamén o labor da Federación Galega de Remo e do Club de Remo Muros na organización da proba, así como a implicación das familias, adestradores e clubs participantes. "Detrás de cada un dos bateis participantes hai moitas horas de esforzo, adestramento e aprendizaxe. Iso é precisamente o que queremos recoñecer desde a Deputación", sinalou.
Ademais das bandeiras masculina e feminina para os clubs con maior puntuación global, entregáronse medallas de ouro, prata e bronce ás tres tripulacións máis rápidas de cada categoría.
