A Deputación da Coruña prepara aos escolares da provincia para a eclipse solar coa repartición de lentes e un folleto informativo de observación segura
A iniciativa, dirixida a colexios de educación primaria en concellos de menos de 20.000 habitantes, busca garantir que os máis pequenos gocen do evento astronómico do vindeiro 12 de agosto sen riscos para a súa saúde visual.
O material distribuído inclúe lentes homologadas e un tríptico informativo editado en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que ademais promove o coidado do medio ambiente durante a observación.
Ante a inminente chegada da eclipse total do sol que cruzará a península o próximo 12 de agosto de 2026, a Deputación da Coruña, a través da súa área de Medio Ambiente, puxo en marcha unha campaña de divulgación e prevención nos centros educativos da provincia.
A institución provincial completou o envío dun lote de lentes homologadas para a observación solar e folletos informativos aos colexios de educación primaria situados en municipios de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo principal desta acción é chegar a ciencia ás contornas rurais e garantir que o alumnado conte cos recursos e coñecementos necesarios para gozar deste fenómeno astronómico histórico de forma segura.
O envío inclúe un tríptico informativo, editado coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, baixo o lema "Observación SEGURA da eclipse". Nel, explícase de maneira clara e accesible a obrigatoriedade de usar protección ocular axeitada durante a fase de parcialidade da eclipse para evitar danos permanentes na vista.
Máis aló das precaucións visuais, a área de Medio Ambiente, quixo aproveitar este folleto informativo para transmitir valores de coidado ecolóxico. O documento convida aos escolares a gozar da visión da paisaxe e a prestar atención aos cambios que se producen no medio a medida que o Sol se vai ocultando.
Así mesmo, faise un chamamento á responsabilidade medioambiental durante as saídas para ver a eclipse, lembrando aos asistentes a importancia de respectar a natureza, non alterar o medio e deixar o lugar de observación totalmente limpo antes de marchar.
Ademais da información, o tríptico proporciona ligazóns de interese a aplicacións e páxinas oficiais como https://www.trioeclipses.es/ para consultar horarios precisos e detalles locais do evento.
Con esta medida, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa divulgación científica, a saúde pública e a educación ambiental, asegurando que a eclipse total do 12 de agosto de 2026 sexa unha experiencia educativa, inesquecible e respectuosa coa nosa contorna para os nenos e nenas da provincia.
O tríptico informativo completo e a información de observación da eclipse está dispoñible na seguinte ligazón: https://dacoruna.gal/desenvolvemento-territorial-transicion-ecoloxica/desenvolvemento-territorial-e-transicion-ecoloxica/medioambiente/eclipse
