Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia ao CSIC nun proxecto pioneiro para conservar especies vexetais ameazadas da provincia

A institución provincial financia un proxecto para estudar e conservar os solos e microorganismos asociados á flora en risco de desaparición

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas inclúe 42 especies presentes na provincia da Coruña, 24 delas en perigo crítico de extinción e 18 vulnerables

A Deputación da Coruña apoia ao CSIC nun proxecto pioneiro para conservar especies vexetais ameazadas da provincia

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado venres un convenio de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para apoiar un proxecto pioneiro de conservación de especies vexetais ameazadas da provincia da Coruña.

A institución provincial achegará 20.000 euros, o 77,68% dun proxecto cun orzamento total de 25.744,60 euros, que será desenvolvido pola Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). A iniciativa permitirá avanzar na conservación dos solos e do microbioma asociado ás especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na provincia.

O obxectivo é estudar, caracterizar e conservar non só as plantas en risco, senón tamén os solos nos que medran e as comunidades de microorganismos que viven asociados a elas, fundamentais para a fertilidade do solo, a recuperación dos ecosistemas e a súa capacidade de adaptación fronte aos efectos do cambio climático global.

Na actualidade, o Catálogo Galego de Especies Ameazadas inclúe 65 especies, das que 42 están presentes na provincia da Coruña: 24 en perigo crítico de extinción e 18 vulnerables. Este dato pon de manifesto a importancia de impulsar novas ferramentas científicas que contribúan a garantir a súa supervivencia a longo prazo.

O proxecto permitirá elaborar unha base de datos coa información científica e técnica dispoñible sobre estas especies, recoller e analizar mostras de solo, estudar as comunidades microbianas asociadas tanto ao solo como á propia planta e conservar material xenético para futuras investigacións e posibles actuacións de restauración ecolóxica.

A iniciativa permitirá dispoñer de máis coñecemento para orientar políticas de xestión ambiental, mellorar a protección das especies máis vulnerables e preservar a biodiversidade da provincia.

A Misión Biolóxica de Galicia-CSIC conta con persoal investigador e técnico especializado na conservación de recursos fitoxenéticos, no estudo dos solos e no microbioma asociado ás especies vexetais. O proxecto desenvolverase ao longo de 2026 e inclúe tamén accións de divulgación dos resultados a través de publicacións científicas, encontros especializados e a creación dun catálogo das mostras conservadas.