Muros acolle o Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña de balonmán praia
A competición reunirá do 2 ao 5 de xullo na praia de San Francisco preto de 100 equipos, máis de 1.200 deportistas e arredor de 2.000 acompañantes
O portavoz do Goberno da Deputación, Bernardo Fernández, destacou o apoio da Deputación ao deporte de base e o éxito de iniciativas como a Copa Deputación de Balonmán na Rúa, con máis de 8.000 rapaces e rapazas participantes en tres edicións
A praia de San Francisco acolle desde hoxe e ata o domingo 5 de xullo o Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña de balonmán praia, unha competición oficial organizada pola Deputación da Coruña e a Federación Galega de Balonmán, coa colaboración do Concello de Muros.
O torneo foi presentado esta tarde na pista central das instalacións habilitadas na praia muradá nun acto no que participaron o deputado portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; a alcaldesa de Muros, María Lago; e representantes da Federación Galega de Balonmán, xunto con deportistas, técnicos, árbitros e membros da organización.
A competición reunirá durante catro días preto de 100 equipos, máis de 1.200 deportistas e arredor de 2.000 acompañantes, entre familiares, corpos técnicos, árbitros, voluntariado e afección. Os encontros disputaranse nas categorías alevín mixto, infantil, cadete, xuvenil e sénior, tanto masculinas como femininas, nun recinto deportivo con catro pistas de xogo na praia de San Francisco.
Bernardo Fernández destacou que a celebración deste torneo enmárcase na aposta da Deputación por promover eventos deportivos de primeiro nivel, que combinan competición e promoción do deporte de base e que teñen ademais un impacto positivo na economía do municipio, ao atraer miles de visitantes nos vindeiros días.
O deputado subliñou tamén o compromiso da Deputación co balonmán galego e puxo como exemplo "o éxito da Copa Deputación de Balonmán na Rúa, unha iniciativa que xa suma tres edicións e pola que pasaron máis de 8.000 rapaces e rapazas, achegando este deporte ás rúas, ás vilas e á xente nova".
Fernández agradeceu o traballo da Federación Galega de Balonmán, do Concello de Muros, dos clubs e de todas as persoas que fan posible unha cita "que sitúa Muros e a provincia da Coruña no mapa do balonmán praia nacional".
O Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña dará acceso ao Arena 1000 de Cádiz, última parada do Arena Handball Tour, o principal circuíto nacional de balonmán praia e unha referencia desta modalidade a nivel estatal.
