A Deputación reafirma o seu compromiso co Delas Fest, o primeiro festival europeo de arte urbana con perspectiva de xénero
A VIII edición deste programa contará coas artistas galegas Nana e Isa Bermúdez e as mexicanas Janín Nuz e Yuda, que realizarán catro novos murais
O deputado Xosé Penas incidiu en que o verdadeiro valor "radica na súa dimensión social e patrimonial. Non se intervén sobre o territorio, intervense co territorio"
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participou esta mañá na presentación da VIII edición do Delas Fest, o programa feminista de arte urbana contextual, o primeiro de Europa con perspectiva de xénero. Durante o acto, Penas puxo en valor a importancia desta iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, e destacou a relevancia da colaboración institucional para facer posible un proxecto que sitúa a cultura, a igualdade e o patrimonio no centro.
Penas salientou que "estamos ante o primeiro festival de arte urbana de Europa nado cunha clara perspectiva de xénero, e iso supón unha declaración de intencións en si mesma" e reivindicou que iso "vai máis aló de colocar unha pintura nunha fachada. Isto vai de xustiza, de visibilización e de memoria histórica".
O deputado incidiu en que o verdadeiro valor "radica na súa dimensión social e patrimonial. Non se intervén sobre o territorio, intervense co territorio. A través de procesos de inmersión contextual e das xuntanzas de anfitrioas, o festival pon o foco nos saberes, as historias e as vivencias das mulleres que habitan os nosos pobos e barrios".
A VIII edición do Delas Fest contará coas artistas galegas Nana e Isa Bermúdez e as mexicanas Janín Nuz e Yuda, que realizarán catro novos murais dentro dun programa que este ano reforza aínda máis as actividades de inmersión contextual e participación veciñal, consolidando a aposta por poñer en valor o territorio e os saberes das mulleres que o habitan.
O programa en detalle
Nesta VIII edición, séguese a tecer rede feminista de traballo, visibilización e reivindicación, aumentando a xenealoxía que se está a artellar ao redor do Delas Fest.
O cartel, gráfica e ilustración foron realizados pola artista Pía Piadosa (Lugo, 1991), que creou unha medusa da pintura para protagonizar o cartel. Para a tipografía, feita a man, inspirouse na artista urbana Margaret Kilgallen, finada en 2001. Unha nova artista que se suma a Lupita Hard, Abi Castillo, María Montes e Maru Astray como creadoras da imaxe do programa.
En canto ao material audiovisual, será a cooperativa A Furna a encargada de aplicar a súa ollada ao programa, desde os encontros de anfitrioas, pasando polas actividades contextuais e rematando coas intervencións. Segue así a estela de Julia G. Yánez (2025), de Illa Bufarda (2024), Cru Producións (2023) e Adriana Páramo (2022).
Este 2026, realizaranse catro intervencións murais, a cargo dos pinceis e sprays das artistas mexicanas Janín Nuz (San Luis Potosí, 1990), ilustradora e artista urbana, que levará a súa arte á rúa Cruz da Nogueira nº10; Yuda (Jalisco, 1998), muralista e artista en gran formato, que desenvolverá o seu traballo na rúa Suarribas nº61; e das galegas Nana (Santiago de Compostela, 1983), artista urbana, ilustradora e educadora artística, que pintará na piscina municipal de Brión e Isa Bermúdez (Hadamar, Alemaña, 2001) que compaxina a práctica e docencia artística, executará o seu bosquexo ao espazo que acolle a Unidade de Atención Temperá de Negreira. As intervencións murais terán lugar entre o 13 e 19 de xullo en Compostela, entre o 17 e o 23 de xullo en Brión e entre o 27 de xullo e 2 de agosto en Negreira. Chegar aos muros é posible grazas á convocatoria de Muros en Man Común, aberta todo o ano para que a veciñanza destes concellos poidan candidatar as súas fachadas a este repositorio.
A comunidade segue a ser protagonista no Delas Fest a través das actividades de inmersión contextual. Entre o 8 e 9 de xullo, Janín e Yuda poderán coñecer, grazas á veciñanza implicada, a idiosincrasia do barrio de Conxo. Haberá un roteiro polo barrio da man de Marisa V. Garea, a visita á exposición Conxo un Concello de Seu, no CSC Aurelio Aguirre, un roteiro polos murais do barrio, a lectura de fragmentos da obra de Rosalía de Castro e Carmen V. Valiña no banquete de Conxo, un encontro de anfitrioas de todo o barrio de Conxo na Praza de Aurelio Aguirre e outro para as da área concreta dos murais en Suarribas. En Brión, ás visitas e traballos escolares súmase o encontro de anfitrioas que terá lugar o 18 de xullo onde, nunha merenda, Nana amosará o bosquexo feito grazas ás pesquisas contextuais. En Negreira, Isa Bermúdez mergullarase na intrahistoria do concello entre o 22 e o 23 de xullo, días nos que realizaremos un encontro de anfitrioas coas pandeireteiras locais, para escoitar e falar das coplas negreiresas, as lendas... ademais dun roteiro polo concello. Cada unha destas citas é importante pois poñen o punto de unión coa veciñanza, coa comunidade que convivirá e será parte imprescindible dos coidados de cada peza.
