Estás en:Novas

A Deputación adquire o antigo edificio de Banesto como nova sede institucional en Ferrol

O inmoble, situado na esquina da rúa Rubalcava coa rúa Magdalena, será reformado para acoller servizos tributarios, espazo de coworking, sala de reunións, auditorio e usos institucionais

A adquisición foi adxudicada por 930.000 euros e permitirá recuperar para uso público un edificio histórico de máis de 1.100 metros cadrados no barrio da Magdalena

A Deputación adquire o antigo edificio de Banesto como nova sede institucional en Ferrol

A Deputación da Coruña vén de adxudicar o contrato para a adquisición do inmoble que acollerá a súa nova sede institucional en Ferrol, un compromiso anunciado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, a finais do ano 2025.

O contrato foi adxudicado á empresa Nuvoo 21 S.L. por un importe de 930.000 euros, o que supón un aforro de 195.300 euros con respecto ao orzamento máximo previsto para esta actuación. O inmoble elixido é o antigo edificio de Banesto, situado no número 12 da rúa Rubalcava, na esquina coa rúa Magdalena, nun emprazamento céntrico do barrio da Magdalena.

O edificio conta cunha superficie total de 1.147 metros cadrados construídos e 964 metros cadrados útiles, distribuídos en planta semisoto, planta baixa, dúas plantas altas e baixo cuberta. Trátase dun inmoble histórico, construído no ano 1950, que tradicionalmente acolleu oficinas dunha entidade bancaria en boa parte das súas plantas.

Coa adquisición deste edificio, a Deputación dá un novo paso para reforzar a súa presenza institucional en Ferrol e achegar os servizos provinciais á cidadanía da cidade e da comarca. A nova sede permitirá dispoñer dun espazo propio, moderno e funcional, no que se integrarán servizos administrativos e tributarios, así como novos usos vinculados á actividade económica, cultural e social.

A partir de agora, a Deputación iniciará os trámites necesarios para executar as obras de reforma interior do inmoble, co obxectivo de adaptalo ás necesidades da institución provincial e aos usos previstos. O proxecto permitirá acondicionar o edificio como sede institucional e contará ademáis cunha oficina tributaria, espazo de coworking que se integrará na rede provincial, salas de reunións, auditorio e aula de formación, ademais de espazos para actividades públicas e usos institucionais.

A futura sede contará cunha área de recadación de arredor de 200 metros cadrados, con zona de espera, espazo de atención ao públlico e traballo, despacho independente para a xefatura de zona, almacén e arquivo, aseos accesibles e dependencias auxiliares. Tamén se prevé habilitar un espazo de traballo colaborativo duns 100 metros cadrados, unha sala de reunións e un auditorio ou aula de formación con capacidade para arredor de 75 persoas.

Destaca o bo estado de conservación do edificio, a iluminación e ventilación natural en todas as plantas, a súa dobre fachada e a existencia dunha gran dobre altura interior entre a planta baixa e a primeira, o que ofrece amplas posibilidades para a súa adaptación aos novos usos públicos.

O inmoble está catalogado dentro do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio da Magdalena como edificio de características singulares. Segundo os informes técnicos incorporados ao expediente, as obras necesarias para a súa adaptación ao uso dotacional previsto están permitidas polo seu nivel de catalogación e o inmoble resulta adecuado para os fins institucionais previstos pola Deputación.

Formoso destacou que esta nova sede "é un compromiso cumprido con Ferrol" e subliñou que "a Deputación quere estar máis presente na cidade, con servizos útiles para a cidadanía e cun edificio que tamén poida contribuír á dinamización social, cultural e económica da cidade".

O presidente provincial lembrou que este proxecto forma parte da aposta da Deputación por Ferrol e pola súa comarca, na que a institución provincial vén desenvolvendo importantes investimentos nos últimos anos en ámbitos como as infraestruturas viarias, os equipamentos sociais, o deporte ou a cultura.

"Con esta nova sede, a Deputación estará máis próxima e será máis visible e máis útil para a cidadanía de Ferrol e de toda a comarca. A sede vai permitir mellorar a atención á cidadanía e reforzar os servizos provinciais", afirmou Formoso.