Estás en:Novas

A Deputación achega 270.000 euros para humanizar a praza de Vigo de Carballo

A actuación permitirá transformar un espazo de máis de 2.000 metros cadrados nunha praza máis accesible, máis segura e pensada para as persoas

As obras inclúen tamén a renovación do alumeado, a recollida de pluviais e a dotación de novo mobiliario urbano

A Deputación achega 270.000 euros para humanizar a praza de Vigo de Carballo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, asinaron esta mañá no consistorio carballés un convenio de colaboración para executar as obras de remodelación integral da praza de Vigo, unha actuación que conta cun orzamento total de 337.500 euros. A institución provincial achegará 270.000 euros, o 80% do investimento, mentres que o Concello asumirá a contía restante con fondos propios.

Formoso destacou que esta intervención permitirá "transformar un espazo urbano moi utilizado pola veciñanza nunha praza máis accesible, máis segura e máis amable, especialmente para as persoas maiores e con problemas de mobilidade que acoden a diario ao centro de día e á residencia situados na contorna".

Un aspecto no que tamén inicidiu o alcalde, Daniel Pérez, que agradeceu o apoio económico de Deputación e sinalou que a obra "suporá unha notable mellora na accesibilidade e nos servizos da zona, que vai mellorar a vida non só dos residentes, senón tamén dos usuarios da residencia" e sinalou que esta obra, conxuntamente coa do edificio de entidades sociais financiado pola Fundación Amancio Ortega, vai supor un cambio importante a nivel de accesibilidade e mobilidade desa zona, actuando non só na praza, senón tamén nas rúas anexas" e subliñou que "este é un exemplo máis da colaboración entre institucións"

A actuación proxectada resolverá as principais carencias que presenta actualmente a praza, configurada como unha meseta elevada e rodeada por circulación constante de vehículos. As obras eliminarán as barreiras arquitectónicas mediante a creación dunha plataforma única, que permitirá unificar as cotas de toda a superficie e mellorar a mobilidade peonil.

O novo deseño tamén suporá unha reordenación do tráfico, coa restrición da circulación rodada de paso. O acceso quedará reservado para as persoas residentes da zona e para os vehículos adaptados que prestan servizo ao centro de día e á residencia de maiores.

O proxecto inclúe a demolición do pavimento central existente e a renovación completa da superficie da praza, combinando un pavimento continuo de formigón con zonas singulares de pedra natural, como adoquíns e baldosas. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano adaptado, entre o que destaca un banco granítico de 38 metros de lonxitude e unha pérgola con bancos de madeira que creará unha zona de estancia e sombra fronte ao ventanal do centro de día.

A reforma tamén contempla a renovación de servizos básicos. Substituirase a actual rede de recollida de augas pluviais, formada por tubaxes de formigón, por unha nova rede de PVC de maior diámetro conectada a novos sumidoiros, co obxectivo de mellorar a drenaxe da praza.

Así mesmo, instalarase unha nova rede de alumeado público, con novas canalizacións e luminarias de última xeración, máis eficientes e capaces de mellorar a iluminación dun espazo que na actualidade presenta importantes carencias neste ámbito.