A Deputación conclúe dúas actuacións en Ares e Valdoviño para potenciar o patrimonio militar da Costa Ártabra
O vicepresidente Xosé Regueira e a deputada Cristina García asinaron as actas de entrega cos respectivos alcaldes de dous proxectos de mellora de accesos e mobilidade ciclista nas baterías militares destes concellos, financiados con fondos NextGenerationEU.
A suma de ambos proxectos acada os 434.000 euros.
A Deputación da Coruña continúa consolidando a súa estratexia provincial de potenciación turística co acto de entrega de dúas obras de infraestrutura no patrimonio fortificado da Costa Ártabra. O vicepresidente do goberno provincial, Xosé Regueira, e a deputada Cristina García completaron hoxe unha xornada institucional nos concellos de Ares e Valdoviño para referendar a finalización destas intervencións, integradas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino denominado 'Casco histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra', coas que a institución segue a vertebrar un modelo turístico de calidade baseado na sustentabilidade e a riqueza histórica do territorio.
A primeira parada da xornada tivo lugar en Ares, onde se asinou xunto ao alcalde, Julio Ignacio Iglesias Redondo, a acta de recepción técnica dos traballos de mellora da comunicación viaria entre o Castelo da Palma e as baterías militares de costa. Esta obra contou cun investimento de 299.700 euros e consistiu no acondicionamento integral do antigo camiño de terra, que presentaba importantes fochancas e un avanzado estado de erosión. Os traballos permitiron dotar o camiño dun novo firme estable e compactado con materiais ecolóxicos integrados na paisaxe, ademais de construír sistemas para a correcta canalización das augas pluviais, transformando un acceso deteriorado nun itinerario peonil accesible e seguro que conecta as dúas fortificacións e facilita un percorrido cultural idóneo para os visitantes.
O vicepresidente provincial manifestou o orgullo da institución por "culminar estes proxectos específicos", destacando que "con estas inversións non só se recupera a memoria histórica e o patrimonio monumental, senón que se pon a disposición da cidadanía un recurso turístico de primeira orde internacional". Pola súa banda, a deputada provincial Cristina García tomou a palabra para poñer en valor a transformación do espazo, indicando que "a intervención en Ares demostra que a comodidade, a seguridade dos peóns e o respecto polo contorno paisaxístico deben ir sempre da man se se quere ofrecer unha experiencia cultural atractiva e de calidade que xere riqueza na comarca".
A continuación, a comitiva desprazouse ao concello de Valdoviño, onde foron recibidos polo alcalde, Alberto Fernández, e a concelleira e deputada provincial Rosa Ana García, para asinar a acta de entrega do proxecto de creación e sinalización de camiños ciclables na emblemática batería de Campelo. Esta actuación supuxo un investimento de 134.300 euros..
Na contorna de Campelo, Regueira tomou novamente a palabra para incidir en que a aposta polos itinerarios ciclables reforza o compromiso da Deputación "cun turismo verde e responsable que respecta e engrandece o noso patrimonio costeiro". Cristina García quixo concluír afirmando que "a mobilidade branda é unha peza clave para o futuro da comarca, xa que facilita unha alternativa de lecer activa que conecta os núcleos urbanos cos espazos de interese histórico".
O proxecto forma parte do PSTD Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra, que mobiliza un investimento global de 1,2 millóns de euros para impulsar actuacións sostibles na contorna.
