Estás en:Novas

A Deputación financiará obras de mellora do local social da Asociación Veciñal de Campeiras, nas Pontes

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a entidade, que realizará diversas obras de conservación e acondicionamento da súa sede social

A Deputación financiará obras de mellora do local social da Asociación Veciñal de Campeiras, nas Pontes

A Deputación da Coruña continúa apoiando ás entidades veciñais do rural para mellorar os seus espazos de encontro e facilitar o desenvolvemento da actividade social e comunitaria nas parroquias.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou hoxe nas Pontes xunto ao presidente da Asociación Veciñal Campeiras, José Castro Romero, e a secretaria, Eva Castro Castrillón, a sede da entidade, beneficiaria dunha subvención provincial de 12.655 euros para a realización de diversas obras de conservación e acondicionamento do seu local social.

A actuación incluirá o illamento da fachada, a pintura exterior e interior do edificio, a reparación das humidades, a substitución das soleiras das ventás traseiras e a execución dun novo aleiro. As obras permitirán mellorar o estado de conservación do inmoble, incrementar o confort das instalacións e prolongar a súa vida útil.

Durante a visita, Cristina Capelán destacou a importancia do traballo que desenvolven as asociacións veciñais, especialmente no ámbito rural. "Son entidades que manteñen viva a actividade das parroquias e ofrecen espazos de encontro e participación para a veciñanza. Por iso é importante axudalas tamén a conservar e mellorar os locais nos que desenvolven o seu labor", sinalou.

Un total de 39 asociacións de veciños e de mulleres do ámbito rural reciben este ano o apoio económico da Deputación para realizar investimentos que lles permitan acondicionar e modernizar as súas instalacións para organizar actividades, prestar servizos e favorecer a convivencia entre a veciñanza.