Estás en:Novas

A Deputación mellora os espazos públicos de Muros con novas actuacións en Esteiro, Louro e a rúa Real

Valentín González Formoso e a alcaldesa, María Lago, asinaron o convenio para construír un novo parque infantil en Esteiro e acondicionar a zona deportiva e de xogos de Louro, cun investimento de máis de 246.000 euros
O presidente provincial visitou tamén o resultado da segunda fase da humanización da rúa Real, financiada a través do Plan Único con preto de 230.000 euros
A Deputación acumula máis de 18,2 millóns de euros de investimento en Muros nos once anos de goberno de Formoso, dos que 9,2 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiu executar 54 obras no municipio

A Deputación mellora os espazos públicos de Muros con novas actuacións en Esteiro, Louro e a rúa Real

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Muros, onde foi recibido pola alcaldesa, María Lago Lestón, e pola tenente de alcaldesa, Caridad González Cerviño, para abordar os principais investimentos que a institución provincial está a impulsar no municipio e coñecer sobre o terreo algunhas das actuacións máis recentes.

Durante a visita, o presidente provincial e a alcaldesa asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para financiar as obras de construción dun novo parque infantil en Esteiro e o acondicionamento da zona deportiva e de xogos de Louro. O proxecto conta cun orzamento de 246.328,11 euros, dos que a Deputación achega 197.062,48 euros, o 80% do investimento total.

Formoso destacou que estas actuacións "permiten crear e renovar espazos públicos pensados para o uso diario das familias, da infancia e da mocidade, mellorando a calidade de vida nas parroquias e dotándoas de instalacións modernas e accesibles". O presidente resumiu incidindo en que o importante é que "os recursos que a Deputación lles facilita aos concellos para faceren investimentos se materializan en mellorar a calidade urbanística e de vida na provincia".

Pola súa banda, María Lago, fixo fincapé no infrafinanciamento municipal, que, ademais, vai aparellado de cada vez máis competencias. Por iso pon en valor que "o concello dos concellos" apoie economicamente os concellos para cubrir necesidades municipais para as que non teñen recursos.

En Esteiro, o proxecto contempla a creación dun novo parque infantil na contorna do parque do Artón, cunha configuración diferenciada para distintas idades. Haberá dúas áreas de xogos, unha destinada ás nenas e nenos máis pequenos e outra para a cativada de maior idade, con elementos como tobogáns, randeeiras, tirolesa, xogos inclusivos e adaptados, un multixogo e unha rede tridimensional. A actuación completarase coa instalación dunha varanda de protección e un novo pavimento continuo de caucho de seguridade.

En Louro, a intervención permitirá recuperar e poñer en valor un espazo público actualmente infrautilizado en Agra de Filgueira. Renovarase a pista deportiva, cun novo pavimento e marcaxe para fútbol sala e balonmán, instalaranse porterías e acondicionarase a contorna. Tamén se renovará a zona de lecer infantil con novos xogos, mobiliario, fonte e melloras no pavimento, ademais de construír unha rampla de acceso desde o aparcadoiro e acondicionar e axardinar os espazos próximos.

Humanización da rúa Real

Posteriormente, Valentín González Formoso, María Lago e Caridad González supervisaron o resultado das obras da segunda fase da humanización da rúa Real, no casco histórico de Muros, financiadas pola Deputación a través do Plan Único (POS+) con preto de 230.000 euros.

A actuación permitiu renovar un espazo no que tanto os pavimentos como as redes de servizos estaban obsoletos, acometendo unha reforma integral orientada a modernizar as infraestruturas e, ao mesmo tempo, respectar e poñer en valor o carácter histórico da contorna.

O proxecto incluíu a renovación das redes de abastecemento e saneamento, cunha nova rede separativa, a mellora das canalizacións de iluminación pública e a instalación de canalizacións que permitirán no futuro soterrar o cableado eléctrico e de telecomunicacións.

A nova pavimentación mantén a estética característica do conxunto histórico de Muros, con firmes de granito que respectan os criterios establecidos para a protección deste ámbito patrimonial.
Formoso salientou que "a rúa Real é un bo exemplo do modelo de actuación que impulsamos a través do Plan Único: obras decididas polo propio Concello, que permiten modernizar e mellorar os espazos públicos respectando, neste caso, a identidade e o extraordinario valor patrimonial do casco histórico de Muros".

Terceira fase de humanización

No acto anunciouse tamén que este mesmo ano, o Concello de Muros iniciará as obras da terceira fase de actuacións na rúa Real, financiada tamén a través do Plan Único da Deputación. Esta obra suporá un investimento de 280.000 euros, que, sumados aos 230.000 destinados a esta segunda intervención, suman un total de máis de medio millón de euros (510.000) de fondos provinciais ao remodelado integral desta rúa.

Máis de 18,2 millóns investidos en Muros

O presidente destacou tamén a estreita cooperación da Deputación co Concello de Muros. Nos once anos de goberno de Valentín González Formoso, a institución provincial acumula investimentos por máis de 18,2 millóns de euros no municipio.

Deste importe, 9,2 millóns de euros corresponden ao Plan Único (POS+), a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos, que permitiu financiar en Muros 54 obras destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.

Sobre este plan, Formoso puxo en valor que sexa "un documento vivo", que inicia nunha cantidade, pero que, a través de diversos plans adicionais "sempre acaba nunha contía moi superior". Lembrou o presidente que neste 2026 o POS+ acadou unha cifra récord de 160 millóns de euros, un incremento de máis do 550% respecto dos 24,5 millóns cos que comezou o goberno de Formoso en 2015. "Sabemos que nunca chega, pero sempre aspiramos a máis", resumiu.

O presidente insistiu en que este non é o tope do Plan Único, afirmando que "esperemos que continúe 10 anos máis como mínimo" e que siga medrando para cubrir todas as necesidades que demandan os 93 concellos da provincia. Con todo, explicou que, se ben para os concellos de grande entidade é moi útil, para os pequenos ten "un dobre valor pois axudan a cumprir as mesmas aspiracións ca os grandes, pois son igual de lexítimas nuns ca nos outros".