Estás en:Novas

Natividade González participa na inauguración da Feira do Libro de Rianxo

A deputada de Cultura subliñou a importancia de "apoiar a cultura con actos e investimentos, non só con palabras".

Natividade González participa na inauguración da Feira do Libro de Rianxo

A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na praza Castelao de Rianxo na presentación da Feira do Libro da localidade. Este evento está organizado pola Federación de Librarías de Galicia e conta con apoio provincial. Deste xeito, o público poderá gozar, dende hoxe e ata o domingo, dunha ampla programación que combina presentacións literarias, espectáculos familiares, música, teatro, divulgación científica e encontros con autoras e autores, ademais de beneficiarse do tradicional 10% de desconto na compra de libros. A feira poderá visitarse en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:00 horas.

Natividade González subliñou a importancia de "apoiar a cultura con actos e investimentos, non só con palabras. Dende a Deputación sempre intentamos ir por diante, dar exemplo en políticas públicas que sitúen a cultura no centro como o que é: un dereito para toda a poboación".

A responsable provincial de Cultura quixo lembrar que "a lectura é coñecemento, pensamento crítico e liberdade". Nese sentido, sinalou que "feiras do libro coma esta son lugares de encontro entre lectoras e lectores, autoras e autores, librarías e editoriais, e constitúen unha ferramenta fundamental para fomentar o hábito da lectura e achegar a cultura á cidadanía. "Por iso é tan importante estar presente e apoiar este tipo de eventos, porque os creadores e as librarías teñen que ser rendibles, pois son un piar básico da nosa sociedade" engadiu.

Nesta edición participarán dez librarías: Libraría Pedreira, ULA Libraría Social, Boulevard Libraría Edicións, A Gata Tola, Libraría Agrasar (Monforte), Planeta Mozo, Libraría Cartabón, A Libraría de Rosa-Nobel Boiro, Libraría Agrasar Monforte-Ribeira Sacra e Librería Cándido, que lles ofrecerán ás persoas lectoras unha ampla selección editorial e acollerán numerosas sesións de sinaturas ao longo de toda a feira.

Programación da feira

A programación arrincará o xoves 23 de xullo co acto inaugural, que contará co pregón do escritor Anxo Angueira. A xornada continuará coa proposta escénico- musical Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino, e cunha charla divulgativa arredor da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto en Rianxo, impartida por José Ángel Docobo Durántez, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, e a doutoranda Paula Cambeses Franco. O día pecharase coa representación teatral de rúa Ñiquiñaque, da compañía Espectáculos Valente en coprodución co Centro Dramático Galego.

O venres 24 de xullo a carpa da feira acollerá o espectáculo familiar Contiario, de Pablísimo, unha sesión de narración oral chea de humor e participación. A continuación presentarase o poemario Pai, de Miguel Louzao Outeiro, acompañado por Valentina Formoso Gosende e Luis Teira Parada, mentres que a xornada rematará coa presentación da novela Pacto de silencio, de Ana Viéitez, xunto ao escritor Óscar Reboiras.

O sábado 25 de xullo estará dedicado á maxia e á literatura familiar coa proposta Ler para crer, do ilusionista Joshua Kenneth, un espectáculo que invita ás e aos máis pequenos a descubrir a lectura a través da ilusión. Pola noite, Antón Riveiro Coello presentará Os abandonos, acompañado tamén por Óscar Reboiras, antes do concerto de clausura do XXI Ciclo de Bandas, no que a Banda da Escola de Música de Rianxo interpretará un repertorio de música de cinema infantil na praza Rafael Dieste.

A programación concluirá o domingo 26 de xullo cun concerto de Brinca Vai, protagonizado por Paco Nogueiras, seguido do espectáculo Danza 3, da agrupación tradicional O Fiadeiro, que poñerá o broche final a catro días de actividade cultural arredor do libro e da lectura.

Ao longo de toda a feira, as casetas das librarías recibirán tamén a numerosas autoras e autores para encontros e sinaturas, entre eles Manuel Esteban, Rober Cagiao, Antón Riveiro Coello, Ana Viéitez, Alba López Paredes, Miguel Pérez, Silvia Fernández, Alba Tomé, Merce Barreiro, Estefanía Padullés, Silvia Tasende, Charo Baleirón, Tito Pérez, Juan Galán, Analía Bretal, Alba Formoso e Alfonso Barreiro "Fon", entre outros, convertendo a Feira do Libro de Rianxo nun punto de encontro privilexiado entre escritoras e escritores, librarías e persoas lectoras.

Baixo o lema "A porta a universos infinitos", a Feira do Libro de Rianxo reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura e coa dinamización cultural, ofrecendo unha programación pensada para públicos de todas as idades e consolidándose como unha das grandes citas do calendario cultural galego.