Estás en:Novas

Pablo Pereira Montesdeoca gaña a XXI edición do Premio Castelao de Banda Deseñada con ‘A cerimonia do Limiar’

A obra impúxose entre as 19 propostas presentadas na modalidade xeral por reinterpretar o horror rural galego cunha destacada calidade gráfica.

A categoría Infantil e Xuvenil quedou deserta.

Pablo Pereira Montesdeoca gaña a XXI edición do Premio Castelao de Banda Deseñada con ‘A cerimonia do Limiar’

Xurado

Pablo Pereira Montesdeoca proclamouse gañador da XXI edición do Premio Castelao de Banda Deseñada co proxecto titulado 'A cerimonia do Limiar', outorgado pola Deputación da Coruña na modalidade xeral. A resolución tomouse tras a valoración do xurado entre un total de 19 obras presentadas nesta convocatoria, destacando a altísima calidade visual da proposta gañadora.

O xurado puxo especial valor na calidade gráfica, no manexo da cor e no dominio da linguaxe audiovisual da obra gañadora. Así mesmo, salientou que se trata dunha reinterpretación moi interesante do horror rural galego cun uso da cor moi atinado para representar a fantasía e a maxia que envolve todo o relato.

A deputada de Cultura, Natividade González, felicitou o autor e destacou o compromiso da institución provincial co sector, subliñando que "a obra de Pablo Pereira demostra o enorme talento e a madurez narrativa que posúe a banda deseñada na nosa terra, capaz de reinventar o xénero do horror rural desde unha perspectiva visualmente fascinante e orixinal. O Premio Castelao segue a ser un impulso imprescindible para fortalecer a nosa creación cultural e dar visibilidade ao traballo de grandes profesionais do sector".

O órgano avaliador desta vixésima primeira edición estivo presidido pola propia deputada de Cultura, Natividade González, e contou coa participación de Bea Gregores, María Brenn e as persoas gañadoras da última edición do certame: Giovanna Lopalco, Elías Taño e Manuel Barreiro.

No transcurso da xornada de deliberación, o xurado examinou tamén as propostas remitidas para a modalidade Infantil e Xuvenil, acordando por unanimidade deixar deserta a dita categoría por considerar que ningunha das obras presentadas acadaba a calidade suficiente para obter o galardón provincial.