Estás en:Novas

A Deputación reafirma o seu compromiso co XXII Castelo Rock de Muros

A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe na presentación do festival independente que se celebrará os días 6, 7 e 8 de agosto no concello de Muros

A área de cultura da entidade provincial realiza unha achega de 24.500€ a través da liña de subvencións a festivais

A Deputación reafirma o seu compromiso co XXII Castelo Rock de Muros

O Concello de Muros acolleu hoxe a presentación da XXII edición do Castelo Rock, un festival de música independente que conta co apoio da Deputación, que lle achega 24.500 euros de axuda dentro da súa liña de subvencións para festivais de música. Á presentación asistiu a deputada de Cultura, Natividade González e a de lingua, Sol Agra, e tamén participaron o presidente da ACRD Praia do Castelo, Santiago Romero; a alcaldesa do Concello de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura, Caridad González; e o director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil.

González destacou do festival, que se celebra os días 6, 7 e 8 de agosto que "para nós é un orgullo apoiar iniciativas como esta, que demostran que a cultura tamén é motor de desenvolvemento, de convivencia e de dinamización do territorio. O Castelo Rock é un exemplo do valor do asociacionismo, do compromiso colectivo e do talento musical". Nese sentido, felicitou "á organización, ás persoas voluntarias e a todas as entidades que fan posible este proxecto ano tras ano", e convidou á cidadanía a achegarse a Muros e desfrutar dun festival "que combina música, cultura e identidade".

Na presentación déronse a coñecer as principais novidades desta XXII edición, a programación completa e os aspectos organizativos dun festival que, dende hai máis de dúas décadas, continúa defendendo un modelo cultural diferente, baseado no asociacionismo, o voluntariado e a implicación da veciñanza. Cun aforo limitado a 700 persoas, o Castelo Rock mantén a súa aposta pola proximidade entre artistas e público e por unha experiencia integrada na vida da vila.

O cartel deste ano reúne artistas internacionais, estatais e galegos como Kid Kapichi, Big Special, Viva Belgrado, Parquesvr, Orquestra Bravú Xangai, XianPais, Law e Nadie González, ademais de concertos en aberto, sesións de DJ e outras actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana no centro histórico de Muros.