Estás en:Novas

A Deputación mellorará o firme da estrada que conecta Aranga e Irixoa por Altos de Verís e O Gallado

Valentín González Formoso reuniuse cos alcaldes dos dous municipios

A Deputación mellorará o firme da estrada que conecta Aranga e Irixoa por Altos de Verís e O Gallado

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo hoxe unha reunión cos alcaldes de Aranga, Alberto Platas, e Irixoa, Antonio Deibe, que lle trasladaron a necesidade de acometer a mellora do vial que comunica ambos os municipios entre Altos de Verís, en Irixoa, e O Gallado, en Aranga.

Durante o encontro, os representantes municipais presentaron o proxecto básico e de execución redactado conxuntamente polos dous concellos, que contempla a renovación do firme en tres treitos de titularidade municipal cunha lonxitude total de algo máis de seis quilómetros.

En concreto, a actuación abrangue o vial de Altos de Verís, cunha lonxitude de 3.530 metros; o tramo comprendido entre o límite municipal e Cabo da Aldea, de 1.307 metros; e a conexión entre Cabo da Aldea e O Gallado, de 1.335 metros.

Os alcaldes explicaron que a estrada presenta actualmente importantes signos de deterioro, con fochancas, fisuras, afundimentos e problemas de drenaxe, e lembraron que a última intervención realizada neste itinerario tivo lugar hai catorce anos.

O vial constitúe unha conexión directa entre Aranga e Irixoa e é empregado diariamente pola veciñanza, os servizos municipais e os vehículos vinculados ás actividades agrícolas e forestais da zona, polo que os dous concellos consideran prioritaria a súa rehabilitación.

Valentín González Formoso confirmou o interese da Deputación no proxecto, especialmente polo carácter intermunicipal da estrada e pola función que desempeña na vertebración e na mobilidade dunha zona rural compartida polos dous concellos.

O presidente provincial sinalou que os servizos técnicos da Deputación procederán agora a analizar e valorar o proxecto presentado, co obxectivo de estudar as condicións necesarias para avanzar na súa execución.

A proposta contempla a limpeza e recuperación das cunetas, a mellora do drenaxe, o varrido do firme e a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de grosor, coa finalidade de recuperar a seguridade e garantir unhas condicións seguras e adecuadas de circulación.