A Deputación colabora coa 35ª edición de Equiocio Ferrol
O deputado e voceiro provincial, Bernardo Fernández, participou hoxe na presentación da proba, que se celebrará en Covas do 6 ao 9 de agosto
O deputado provincial e voceiro do goberno da Deputación, Bernardo Fernández, participou hoxe na presentación da 35ª edición de Equiocio Ferrol, que se celebrará en Covas do 6 ao 9 de agosto e que conta co apoio da Deputación da Coruña. Neste 35 aniversario, os organizadores da proba destacan a diversificación da oferta de ocio, redobrando a aposta pola sostibilidade e a inclusión.
Xunto a Fernández, participaron na presentación o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, Roberto García; e diversos membros do comité organizador e de empresas colaboradoras.
O portavoz provincial destacou na súa intervención que "falar de Equiocio é falar de Ferrol" por todo o que este significa para o deporte hípico en toda a comarca de Ferrolterra e tamén para toda Galicia. Ademais, tamén fixo fincapé "no importante retorno económico e reputacional que supón para Ferrol acoller unha competición do máis alto nivel deportivo e que, só este ano, contará con arredor de 240 cabalos e 200 xinetes e amazonas, con todo o que iso significa a nivel organizativo, pero tamén de retorno para o territorio".
Competición
O director deportivo do certame, Federico Pérez Lago, explicou que a canteira galega será a grande protagonista do Equiocio. Do total das tres categorías diferentes, só o Concurso de Salto Territorial suma 164 equipos e 136 deportistas, moitos de eles mozos e mozas. Ademais, os máis pequenos terán o seu espazo no Nacional de Ponis, puntuable para a Copa de Campións.
Con todo, o evento máis importante será, coma sempre, o Concurso Nacional de Salto Cidade de Ferrol, o único destas características no verán en Galicia. Esta competición é quen de atraer deportistas de todo o territorio nacional, así como de Portugal.
