Estás en:Novas

Trinta embarcacións participarán este sábado na 13ª edición da Inchadiña Branca Vela co apoio da Deputación da Coruña

A tradicional remontada do Ulla e do Sar reunirá embarcacións tradicionais de toda Galicia nunha homenaxe marítima a Rosalía de Castro

A deputada de Cultura, Natividade González, participou na presentación desta nova edición, organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa

Trinta embarcacións participarán este sábado na 13ª edición da Inchadiña Branca Vela co apoio da Deputación da Coruña

Trinta embarcacións tradicionais de toda Galicia participarán este sábado, 1 de agosto, na décimo terceira edición da Inchadiña Branca Vela, unha singradura que rende homenaxe a Rosalía de Castro remontando os ríos Ulla e Sar ata Padrón. A iniciativa, organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna da Arousa, conta un ano máis co apoio da Deputación da Coruña.

A presentación da nova edición tivo lugar esta mañá na Casa de Rosalía e contou coa participación da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; dos alcaldes de Padrón, Anxo Arca; de Dodro, Xabier Castro; e de Rianxo, Julián Bustelo, ademais da concelleira de Turismo de Valga, Malena Isorna.

Na súa intervención, Natividade González destacou o compromiso da Deputación coa conservación e difusión do patrimonio cultural e marítimo galego, apoiando iniciativas que contribúen a manter vivas as tradicións e a reforzar a figura e o legado de Rosalía de Castro.
A navegación contará coa participación de máis de vinte dornas de diferentes tipoloxías —polbeiras, de tope e xeiteiras—, ademais dunha buceta, un bote de Noia, unha gamela da Guarda, unha traíña, un galeón do Ulla e o volanteiro da Guarda O Piueiro, co seu velame dedicado a Rosalía.

Como xa aconteceu nas dúas últimas edicións, varias embarcacións partirán ás 11.00 horas do porto de Rianxo para incorporarse posteriormente ao percorrido principal, que comezará ás 16.30 horas desde a praia fluvial de Vilarello, en Cordeiro (Valga). A expedición remontará o Ulla e o Sar ata chegar ao Espolón de Padrón, onde está prevista, arredor das 18.00 horas, a tradicional homenaxe a Rosalía diante da súa estatua

Como actividade previa á celebración da Inchadiña Branca Vela, o venres 31 de xullo, ás 20.00 horas, o Pazo de Martelo de Rianxo acollerá a presentación do novo número da revista Ardentía, publicación galega dedicada á cultura marítima e fluvial. No acto participarán Emilio Xosé Insua, Antón Mascato, Manuel Lara e Rosa M. Fernández.

Unha homenaxe nacida da cultura marítima
A Inchadiña Branca Vela celebrou a súa primeira edición en 2013, coincidindo co 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. A iniciativa xurdiu das asociacións vinculadas á cultura marítima para homenaxear a Rosalía de Castro, inspirándose nos versos nos que a autora evocaba as dornas remontando o río Ulla:
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!».