Estás en:Novas

A Deputación amosa o seu apoio ao pobo venezolano despois do dobre terremoto do pasado xuño

O pleno provincial deu lectura a unha declaración institucional en solidariedade con Venezuela

A Deputación amosa o seu apoio ao pobo venezolano despois do dobre terremoto do pasado xuño

O pleno da Deputación deu lectura, na sesión celebrada hoxe, dunha declaración institucional para amosar o apoio e a solidariedade da institución co pobo venezolano tras sufrir, o pasado 24 de xuño, un dobre terremoto que deixou máis de 3.800 vítimas mortais, máis de 16.000 feridos e un número aínda indeterminado de persoas desaparecidas.

A catástrofe natural xerou un forte impacto material con case 59.000 edificacións danadas, o que esixiu a mobilización inmediata de servizos sanitarios, equipos de rescate e persoal voluntario. Esta traxedia ten un fondo impacto na sociedade coruñesa e galega, debido aos estreitos lazos históricos, sociais e humanos que unen a ambas comunidades, ademais da numerosa poboación de orixe venezolana residente nos concellos españois.

No marco da iniciativa promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias, a Deputación convocou tamén no seu día un minuto de silencio en memoria das vítimas. A través deste manifesto, tamén se recoñece explicitamente o labor dos corpos de emerxencia, da protección civil e das entidades sociais que traballan no terreo para atender ás familias damnificadas.

Así mesmo, o texto da declaración anima ás entidades locais a mobilizar axudas económicas extraordinarias e a canalizar a asistencia financeira mediante organizacións acreditadas como Cruz Vermella, Cáritas, Unicef ou Médicos Sen Fronteiras. Tamén se promove a organización de xornadas benéficas, a cesión de espazos públicos e a difusión de campañas informativas, orientando os futuros labores de reconstrución cara a criterios de sustentabilidade, resiliencia e fortalecemento dos servizos públicos municipais.