Estás en:Novas

As deputadas Natividade González e Avia Veira participan na inauguración de ‘Mostrart’ 2026

A deputada de Cultura puxo en valor un evento que busca dar a coñecer a calidade e a creatividade da artesanía galega.

As deputadas Natividade González e Avia Veira participan na inauguración de ‘Mostrart’ 2026

A deputada de Cultura da Deputación, Natividade González, participou este sábado na apertura da 42ª edición de 'Mostrart 2026', a feira que durante todo o mes de agosto converterá os xardíns de Méndez Núñez no epicentro da artesanía galega. A representante provincial acompañou no percorrido inaugural á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e ao presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín, quen actuou como mestre de cerimonias na visita ás instalacións que acollen a 65 creadores e 45 stands nesta gran cita estival.

Durante o acto, González puxo en valor o apoio mantido pola Deputación a este evento referente no Estado. "Para a Deputación é fundamental colaborar activamente cun evento xa consolidado que pon en valor a calidade e a creatividade da nosa artesanía", destacou a deputada. Así mesmo, a responsable de Cultura sinalou que "esta feira apoia o mantemento e a viabilidade dos oficios tradicionais e contemporáneos e tamén consegue achegar o proceso de creación a persoas de tódalas idades mediante unha magnífica oferta de actividades abertas".

Natividade González fixo fincapé na relevancia do programa "Oficios ao Sol", que ofertará de luns a xoves obradoiros participativos de balde onde o público poderá experimentar en primeira persoa coas técnicas artesanais, así como na continuidade das visitas guiadas dos venres para afondar na traxectoria dos profesionais e os seus oficios con inscrición previa no recinto.

A titular de Cultura amosouse tamén satisfeita pola sinerxía artística que presenta esta edición, reflectida no cartel deseñado pola ilustradora coruñesa Inés Vázquez en colaboración co certame 'Viñetas desde o Atlántico'. A deputada subliñou "o acerto de levar pezas de artesanía ás exposicións do Kiosco Alfonso e da sala Casares Quiroga".