Cultura da Deputación colabora coa Feira do Libro da Coruña, que dende hoxe reúne 35 librarías e editoriais
A deputada de Cultura, Natividade González, participou no acto inaugural duns dez días de intensa programación nos xardíns de Méndez Núñez, que reunirá a 35 librarías e editoriais con máis dun centenar de actividades para tódolos públicos.
A cidade da Coruña convértese dende este sábado no epicentro cultural de Galicia co inicio da Feira do Libro, que se celebrará ata o vindeiro 10 de agosto nos emblemáticos xardíns de Méndez Núñez. O evento, organizado pola Federación de Librarías de Galicia baixo o lema "A porta a universos infinitos", conta co apoio da área de cultura da Deputación. Nesta edición, a mostra reúne a un total de 35 librarías e editoriais e ofrece unha programación que supera o centenar de propostas dirixidas a todos os públicos, xunto coas habituais sesións de sinaturas e un desconto xeral do 10 % na compra de exemplares.
Durante o acto de apertura oficial, no que a ilustradora coruñesa Bea Lema foi a encargada de ofrecer o pregón inaugural, a deputada de Cultura, Natividade González, destacou "o compromiso firme da institución provincial co fomento da lectura, a dinamización lingüística e o apoio continuo ao sector editorial galego". "Esta feira representa unha oportunidade inmellorable para achegar os libros a toda a cidadanía, poñendo en valor a enorme calidade, riqueza e diversidade da nosa literatura", declarou a deputada no evento.
Así mesmo, Natividade González subliñou que "a Feira do Libro da Coruña é moito máis ca un escaparate comercial; funciona como un espazo vivo de encontro e diálogo entre quen escribe, quen edita e quen le, fortalecendo a rede cultural da nosa provincia e proxectando o talento galego cara a novos horizontes".
Programación
O recinto feiral permanecerá aberto de maneira continuada en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.30 a 21.30 horas. A xornada inaugural deste sábado contou cunha intensa actividade que incluíu un obradoiro de Pokémon para o público infantil, a presentación da obra Cunetas, de Luís Pimentel, a visita de Brigitte Vasallo e diversos encontros literarios sobre novela histórica, narrativa negra e creación contemporánea coa participación de autores destacados como María Oruña, Rodrigo Costoya, Pedro Feijoo, Rober Cagiao e Luis García Rey.
A programación continuará o domingo 2 de agosto cun diálogo dedicado ás Mariñas Ártabras, unha proposta de teatro familiar a cargo de Pablísimo, a celebración das Conversas Follas Novas coa intervención de Carlos Negro e Tamara Andrés, e a presentación de A muller de mentira, novela de Iria Collazo galardoada co Premio García Barros 2026. Durante o inicio da semana, as carpas do recinto acollerán actividades infantís, encontros sobre patrimonio e a presentación do libro O amor, o odio e a ignorancia, de Manuel Fernández Blanco, ademais duns xogos de bingo literario conducidos por Lucía Aldao o luns 3 de agosto. A axenda do martes 4, mércores 5 e xoves 6 de agosto manterá unha sucesión constante de mesas de debate, diálogos editoriais e sesións de sinaturas para todas as persoas asistentes.
No tramo final da feira, fixado do venres 7 ao domingo 9 de agosto, concentrarase unha parte destacada da programación co homenaxe a Syra Alonso e a presentación do libro Os abandonos, de Antón Riveiro Coello. Nestes días participarán activamente autores como Manuel Esteban, Antía Yáñez, Carolina Sarmiento e Yolanda Castaño, entre outros, nunha axenda que incluirá tamén rutas literarias e obradoiros familiares. A Feira do Libro da Coruña clausurará a súa edición o luns 10 de agosto tras dez xornadas de actividade.
