A Deputación colabora cunha nova edición de Titiriberia, que ofrecerá en Rianxo unha trintena de actividades arredor do teatro de monicreques
O festival celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cunha programación que reúne compañías galegas e internacionais e reforza a aposta pola descentralización cultural
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou o compromiso da institución provincial con iniciativas que "contribúen a fortalecer a creación cultural, dinamizan o territorio e achegan propostas de calidade a todos os públicos".
A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa celebración de Titiriberia: Festival de Títeres Tradicionais, que desenvolverá a súa undécima edición entre os días 18 e 23 de agosto en Rianxo cun programa que inclúe unha trintena de actividades entre representacións teatrais, exposicións, accións formativas e encontros arredor da arte dos monicreques. O festival, organizado pola asociación Morreu o Demo, consolídase como unha das principais citas do teatro de monicreques en Galicia, reunindo nesta edición compañías procedentes de Galicia, Portugal, Aragón, Andalucía, Cataluña, Euskadi e Castela e León.
A deputada de Cultura, Natividade González, participou na presentación da programación e puxo en valor o apoio da Deputación a unha iniciativa "que contribúe a fortalecer a creación cultural, dinamiza o territorio e achega propostas artísticas de gran calidade a públicos de todas as idades". A deputada destacou tamén que "a cultura é unha ferramenta esencial para vertebrar a provincia, preservar o patrimonio inmaterial e crear espazos de encontro entre a tradición e a creación contemporánea", ao tempo que reafirmou o compromiso da institución provincial coas iniciativas culturais que promoven o acceso á cultura en todo o territorio.
A programación contará con 27 funcións repartidas por diferentes espazos do municipio, mantendo a aposta por descentralizar o festival e levando os espectáculos máis alá dos seus escenarios principais, o Campo de Arriba e o Auditorio Municipal. Así, localidades como Taragoña, Leiro, Araño, Isorna ou a praia de Tanxil volverán converterse en escenarios de Titiriberia.
Nesta edición daranse cita algunhas das compañías históricas do teatro galego de monicreques, como Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Tanxarina ou Trécola, todas elas con máis de catro décadas de traxectoria. Precisamente, Tanxarina protagoniza a exposición instalada no Auditorio Municipal, dedicada aos seus corenta anos de historia, mentres que Trécola centra a mostra distribuída nos escaparates dos establecementos adheridos á Asociación Rianxeira de Empresarios.
Dez estreas de compañías galegas
A programación inclúe un total de dez estreas, todas elas de compañías galegas. O festival abrirase o martes 18 de agosto coa nova edición do espectáculo de rúa A festa dos títeres, da man de Viravolta, Títeres Alakrán e Vai de Roda. Esa mesma xornada inaugurarase tamén a exposición dedicada á compañía Tanxarina.
Entre as novidades figuran tamén a estrea de Treco-lerias, de Trécola; A rosa de papel, adaptación de Valle-Inclán realizada por Títeres Alakrán; Mamulengo galego e Cantar do ano, de Seisdedos; as pezas para formato Lambe-Lambe Retratos de verán, de Babaluva, e Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o Barco e máis nós, de Os Monicreques de Kukas.
O festival contará ademais coa colaboración da histórica agrupación teatral Airiños, que presentará Retrincos: Sabela e Peito Lobo, adaptación da obra de Castelao, e pechará a programación de estreas con As varietés de Barriga Verde, espectáculo colectivo que reúne diferentes artistas do teatro de monicreques.
O cartel complétase coa participación das compañías SA Marionetas (Portugal), Titiriteros de Binéfar (Aragón), Toni Rumbau (Cataluña), Zurrunka Teatro & La Semilla Voladora e El Tenderete (Euskadi), Colectivo Lobishome (Andalucía) e Rosa Encinas (Castela e León).
Formación e transmisión do patrimonio
Como cada ano, Titiriberia incorpora unha programación formativa a través da Escola de Títeres Barriga Verde, destinada tanto ao sector profesional como ao público afeccionado. Nesta edición o mestre portugués José M. Valbom Gil, da compañía SA Marionetas, impartirá un curso sobre o Teatro Dom Roberto, tradición portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculada ao Barriga Verde galego.
A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso co apoio a festivais que contribúen á conservación e difusión do patrimonio cultural, favorecen o intercambio artístico e fortalecen o tecido cultural da provincia mediante propostas que combinan tradición, innovación e participación cidadá.
