Estás en:Novas

A Deputación celebra o Día Internacional da Fotografía en Melide cunha homenaxe á pioneira Mary Quintero

O 19 de agosto haberá un obradoiro práctico de retrato e, posteriormente, unha proxección e faladoiro na Casa do Concello

A Deputación celebra o Día Internacional da Fotografía en Melide cunha homenaxe á pioneira Mary Quintero

Con motivo do Día Internacional da Fotografía, que se conmemora o vindeiro 19 de agosto, as áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña únense para celebrar unha xornada especial dedicada á figura de Mary Quintero, referencia indispensable da fotografía de estudio e da cultura visual galega do século XX. O evento terá lugar este venres, 14 de agosto, na vila natal da homenaxeada, Melide.

A xornada nace co obxectivo de achegar á cidadanía a traxectoria dunha creadora que, ao longo de máis de sete décadas de oficio, converteu a fotografía nunha ferramenta clave para retratar persoas, conservar a memoria colectiva e documentar as transformacións sociais do país. Ao mesmo tempo, a iniciativa busca poñer o foco nas barreiras que enfrontaron as mulleres pioneiras no sector e promover a reflexión sobre a imaxe como patrimonio e expresión artística.

Obradoiro práctico de retrato (Inscrición previa)
A programación botará a andar ás 11.30 horas co obradoiro práctico "A arte do retrato", impartido pola fotógrafa e fotoxornalista Laura Niederleytner. A actividade, dirixida a público a partir de 16 anos, afondará nas nocións básicas do retrato contemporáneo —a luz, a composición, a expresión e o vínculo entre a fotógrafa e a persoa retratada—, un dos xéneros que mellor definen a obra de Quintero.

Dado que o obradoiro conta cun número máximo de 15 prazas, a participación adxudicarase por estrita orde de inscrición. As persoas interesadas poden reservala enviando un correo a cultura@concellodemelide.gal ou unha mensaxe de WhatsApp ao 679 132 720.

Proxección e faladoiro na Casa do Concello
Pola tarde, a actividade trasládase á Casa do Concello de Melide, con entrada libre ata completar aforo:

  • 19.30 h · Proxección do documental: Emitirase Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade, dirixido por María Ojea, unha peza que percorre a vida da artista e a evolución da fotografía en Galicia, destacando a importancia dos arquivos na construción da memoria histórica.
  • 20.20 h (aprox.) · Coloquio interxeneracional: A xornalista Claudia Morán conducirá o faladoiro "A fotografía como oficio, creación e memoria", no que participarán a propia Mary Quintero, Laura Niederleytner e a artista visual Andrea Costas. O encontro servirá para debater sobre a evolución do oficio, o retoque fotográfico fronte ás novas tecnoloxías como a IA e a importancia dos referentes femininos no sector visual.

Unha oportunidade única para recoñecer o talento das pioneiras galegas, aprender da súa mirada e seguir construíndo un futuro con máis referentes femininos na cultura.