Estás en:Novas

Rianxo acollerá unha nova edición do Rock in Rian, co apoio da Deputación

A área de Cultura da institución provincial achega 29.000 euros a este festival que se desenvolverá o 14 e o 15 de agosto a través da liña de subvencións a festivais

A deputada Sol Agra participou esta mañá na presentación da cita

Rianxo acollerá unha nova edición do Rock in Rian, co apoio da Deputación

Rianxo acollerá os vindeiros 14 e 15 de agosto unha nova edición do Rock in Rian, un festival que converterá o parque de Galiza nun punto de encontro para a música galega e que conta co apoio da Deputación da Coruña, a través dunha achega de 29.000 euros da liña provincial de subvencións a festivais.

A deputada provincial Sol Agra participou hoxe na presentación do festival, que nace do traballo asociativo e voluntario dun grupo de mozas e mozos de Rianxo e que ano tras ano foi consolidando unha proposta cultural que combina música, participación cidadá, promoción da lingua galega e compromiso co territorio.

O cartel desta edición reúne propostas como Familia Caamagno, 9Louro, Bisaiak, De Ninghures, Orquestra Bravú Xangai, EKOS, Tona, Recambios Tucho ou Trópico de Grelos, entre outras, configurando unha programación diversa e con especial presenza da escena musical galega.

Durante dúas xornadas, o Rock in Rian ofrecerá tamén actividades paralelas e propostas destinadas a complementar a programación musical, contribuíndo a dinamizar a actividade cultural e social de Rianxo durante o verán.

Sol Agra: "Si, todo iso é o Rock in Rian"

A deputada provincial destacou o carácter integral do proxecto e todo o que o festival representa para Rianxo, para a provincia e para o conxunto de Galicia.

"Desde a área de Cultura e Lingua da Deputación valoramos todo o que este festival representa: o carácter colaborativo entre as asociacións de base do concello, a aposta por unha produción cultural elaborada na Galiza e en galego, a implicación dos centros educativos nas actividades realizadas, o apoio ás bandas emerxentes, a diversificación das actividades ao longo do ano, o compromiso coa lingua, o respecto ao medio ambiente e ao territorio, a divulgación turística do concello desde un punto de vista cultural e musical, que atrae un turismo respectuoso co noso", sinalou Sol Agra.

A deputada puxo especialmente en valor o traballo voluntario que hai detrás do festival: "Si, todo iso é o Rock in Rian, si, todo iso é o que lles achega ao concello, á provincia e ao país o traballo deste grupo de mozas e mozos que dedican, altruistamente, centos de horas da súa vida privada a pensar, organizar e dinamizar un festival ao que se achegarán esta semana miles de persoas".

Neste sentido, Sol Agra reivindicou o papel das pequenas asociacións culturais como motor da programación cultural nos concellos: "A área de Cultura da Deputación da Coruña seguirá apoiando, coa súa liña de subvencións para actividades, investimentos e festivais, o sostemento económico das pequenas asociacións espalladas ao longo de toda a provincia, que crean a dinamización cultural necesaria para que en cada concello, por pequeno que sexa, a veciñanza poida organizarse e desfrutar da inmensa riqueza cultural feita en Galiza en galego".

A deputada provincial concluíu agradecendo o traballo de todas as persoas implicadas no proxecto: "Agradecemento infinito a todas as persoas que formades parte deste proxecto asociativo, e por mil primaveras máis para o Rock in Rian".

Un festival arraigado no territorio

A programación do Rock in Rian combina música en directo con diferentes actividades e iniciativas que buscan implicar a veciñanza e poñer en valor o territorio. A organización aposta así por un modelo de festival vinculado ao tecido asociativo local e á promoción da cultura galega.

O Rock in Rian desenvolverase os días 14 e 15 de agosto no parque de Galiza de Rianxo, cunha programación que reunirá durante dúas xornadas miles de persoas arredor da música e da cultura galega.