A Festa do Motor das Pontes esténdese a toda a fin de semana con actividades o sábado e o Rallyshow como gran cita do domingo
Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e Luis Moya, catro campións do mundo de rallys, serán as grandes estrelas dunha fin de semana con automobilismo, gastronomía, actividades infantís, globo aerostático e música en directo
A Fan Zone permitirá ao público achegarse ás lendas dos rallyes, fotografarse con elas e conseguir autógrafos nun espazo de encontro directo cos pilotos
A zona de restauración permanecerá operativa os dous días para maior comodidade dos asistentes
A Festa do Motor da Deputación da Coruña converterá As Pontes durante esta fin de semana (15 e 16 de agosto) nun gran punto de encontro para as persoas afeccionadas ao automobilismo e para as familias, cunha programación que se estenderá durante o sábado e o domingo. Aínda que o Rallyshow Deputación da Coruña terá o domingo 16 a súa xornada central, as actividades comezarán xa o sábado pola mañá, cun amplo e variado programa pensado para vivir durante dous días o ambiente do motor. A entrada a todas as actividades é de balde.
As grandes estrelas desta segunda edición serán Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e Luis Moya, catro campións do mundo que reunirán nas Pontes varias xeracións de historia dos rallys. Blomqvist foi campión do mundo en 1984 co mítico Audi Quattro; Biasion conquistou dous títulos mundiais, en 1988 e 1989, durante a época de dominio do Lancia Delta Integrale; Petter Solberg proclamouse campión en 2003 con Subaru e tamén foi campión mundial de rallycross; e o coruñés Luis Moya foi bicampión do mundo como copiloto de Carlos Sainz nos títulos de 1990 e 1992.
O programa do sábado 15 de agosto comezará ás 10.00 horas coa recepción oficial no circuíto das Pontes dos pilotos internacionais e nacionais. Só media hora despois, ás 10.30 horas, os campións do mundo e os pilotos profesionais realizarán varias voltas de exhibición e recoñecemento do circuíto cos seus vehículos de competición, ofrecendo xa desde primeira hora unha oportunidade para velos en acción.
Ás 12.00 horas terá lugar no propio circuíto a rolda de prensa de presentación oficial do Rallyshow e, a partir das 13.00 horas, desenvolverase a experiencia TRS de pilotaxe deportiva, na que unha selección de persoas afeccionadas poderán completar voltas ao trazado nun Renault Clio RSR Rally2 acompañados por un instrutor profesional. A actividade deportiva continuará ás 16.30 horas cos adestramentos libres dos pilotos que competirán ao día seguinte.
Fan Zone para coñecer ás lendas do motor
A Festa do Motor contará ademais cunha Fan Zone concibida como espazo de encontro entre as persoas afeccionadas e as grandes figuras do automobilismo. Durante a xornada haberá un período específico para que o público poida achegarse aos campións do mundo, conseguir os seus autógrafos e fotografarse con eles. A Fan Zone incluirá tamén photocall oficial, exposición de vehículos, un globo aerostático que -se a meteoroloxía o permite- facilitarales ás persoas afeccionadas ver As Pontes desde o aire, merchandising e diferentes actividades promocionais.
Deste xeito, a Deputación quere reforzar o carácter da Festa do Motor como unha experiencia para toda a fin de semana, máis alá da propia competición. A zona de restauración, con churrasco, polbo e bocadillos, permanecerá operativa durante os dous días, permitindo que persoas afeccionadas e familias poidan permanecer nas instalacións e gozar da programación sen necesidade de desprazarse.
O domingo 16 de agosto chegará o momento central da fin de semana coa segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña. As instalacións abrirán ao público ás 9.00 horas e, ao longo do día, a competición irá alternando as diferentes mangas con exhibicións de Carcross, Drift e outras disciplinas do motor.
Tras os adestramentos libres e a manga clasificatoria da mañá, pola tarde disputaranse os oitavos e cuartos de final, as semifinais, a loita polo terceiro e cuarto posto e a gran final, prevista para as 17.45 horas. Ás 18.00 horas terá lugar a entrega de trofeos e ás 18.30 desenvolverase unha última manga de exhibición cos pilotos convidados.
A programación completarase durante a fin de semana cunha exposición de vehículos históricos, clásicos, deportivos e de competición, dous simuladores profesionais de rally e numerosas propostas para o público familiar. As e os máis pequenos disporán dun circuíto de educación viaria con karts a pedais, percorrido sinalizado e actividades sobre seguridade viaria e mobilidade responsable.
Concerto de Sés
A música será a encargada de poñer o broche final á Festa do Motor. Ás 19.00 horas do domingo, Sés ofrecerá o concerto de clausura, pechando dous días de automobilismo, espectáculo, gastronomía e actividades para todos os públicos nas Pontes.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que "queremos que a Festa do Motor sexa unha experiencia para toda a fin de semana. O domingo teremos o gran espectáculo do Rallyshow, pero desde o sábado haberá actividade no circuíto e propostas para que as persoas afeccionadas e familias poidan achegarse ás Pontes e gozar durante dous días dun evento único".
Formoso salientou tamén a oportunidade de "ter tan preto a catro campións do mundo que forman parte da historia dos rallys, velos conducir e contar ademais cun espazo no que as e os afeccionados poderán coñecelos, fotografarse con eles e levar un autógrafo. Queremos que a Festa do Motor sexa unha cita espectacular na pista, pero tamén unha experiencia próxima e aberta a todos os públicos".
