San Sadurniño acolle o I Torneo Internacional de Volei Praia
A competición desenvolverase os días 22 e 23 de agosto na praia/Mesón A Granxa e reunirá parellas de nivel
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na presentación do torneo, xunto ao alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e representantes do CD Aldebarán e da Federación Galega de Voleibol
San Sadurniño acollerá os días 22 e 23 de agosto o I Torneo Internacional de Volei Praia, unha competición puntuable tanto para o ránking galego como para o nacional, o que permitirá contar coa participación de parellas de alto nivel. Na presentación do torneo participou o vicepresidente, Xosé Regueira, xunto ao alcalde, Secundino García e representantes do CD Aldebarán e da Federación Galega de Voleibol.
Regueira destacou o potencial do deporte para promocionar o territorio e xerar actividade económica, ao favorecer a chegada de deportistas e acompañantes, as pernoctacións e o consumo nos establecementos da contorna, e salientou tamén a importancia de apoiar a práctica deportiva e de achegala a concellos de todos os tamaños.
O vicepresidente puxo en valor, ademais, a traxectoria de San Sadurniño no voleibol e o traballo desenvolvido polo tecido deportivo local, así como a colaboración entre o Concello, o club e a federación para facer posible unha cita destas características.
Pola súa banda, o alcalde, Secundino García Casal, mostrou a "satisfacción" do concello por acoller esta competición, destacando o interese municipal de "vincular o turismo co deporte", en alusión a que as persoas que se achegan ao territorio por este motivo "normalmente repiten".
O torneo contará con premios económicos e en material deportivo: a parella gañadora recibirá 100 euros en metálico e outros 100 euros en material de Volabola; a segunda clasificada, 100 euros, e a terceira, 50 euros. Ademais, as parellas clasificadas para o cadro final recibirán a equipación oficial do torneo "Rei da Granxa". A nova competición pretende consolidarse como unha cita de referencia para o voleibol praia e, ao mesmo tempo, contribuír á promoción de San Sadurniño e á dinamización turística e económica da contorna.
