Estás en:Novas

A Deputación entrega un novo vehículo ao Fogar María Inmaculada de Mañón

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, entregou unha furgoneta de nove prazas ao centro de menores situado no Barqueiro, no concello de Mañón

O novo vehículo facilitará os desprazamentos dos nenos e nenas para acudir a actividades deportivas e de lecer, citas médicas e outras saídas

A Deputación entrega un novo vehículo ao Fogar María Inmaculada de Mañón

A deputada de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, fixo entrega este xoves dunha nova furgoneta de nove prazas ao Fogar Mª Inmaculada, centro de menores situado no Barqueiro, no concello de Mañón.

O vehículo permitirá mellorar o transporte dos nenos e nenas que residen no centro, menores de entre 3 e 18 anos en situación de vulnerabilidade. O Fogar Mª Inmaculada dispón dun máximo de 11 prazas.

A nova furgoneta empregarase para os desprazamentos habituais das e dos menores, especialmente para acudiren ás actividades deportivas e de lecer nas que participan nos concellos próximos, ás citas médicas programadas en hospitais, centros de saúde e outros centros sanitarios, ademais doutras saídas lúdicas.

Mar García Vidal destacou durante a entrega que "este vehículo vai moito máis alá de facilitar un medio de transporte. Significa darlles aos nenos e nenas máis oportunidades para participar en actividades, relacionarse coa súa contorna e recibir a atención que precisan no seu día a día".

A deputada provincial salientou que este tipo de actuacións forman parte do compromiso da Deputación da Coruña coas entidades sociais e, especialmente, coa protección e atención das persoas menores de idade en situación de vulnerabilidade.

O vehículo integrarase no funcionamento ordinario do centro. As rutas e itinerarios organizaranse semanalmente segundo as necesidades das e dos menores e todos os desprazamentos vinculados ao proxecto serán gratuítos para as persoas usuarias.