Estás en:Novas

A Deputación participa no IX Ares Indiano

O Espazo Deputación regresa á feira cun mercado de artesanía, sete showcookings e unha programación musical e de dinamización durante os tres días do evento

A Deputación participa no IX Ares Indiano

Ares Indiano 2025

A Deputación da Coruña volve estar presente no Ares Indiano, que desenvolve este ano a súa novena edición, cun espazo propio no que a artesanía galega, a gastronomía e a cultura serán protagonistas ao longo das tres xornadas da feira.

O Espazo Deputación estará situado ao final do paseo e contará cun mercado de, ademais de diversas propostas de dinamización destinadas a achegar ao público o talento creativo e gastronómico da provincia.

A programación provincial inclúe tamén a participación da cociñeira Nair González, de Muelle 43 (Mugardos), no marco do proxecto "A Paisaxe que Sabe". Ao longo da feira ofrecerá un total de sete showcookings, dirixidos a grupos de entre 35 e 40 persoas e distribuídos en dúas sesións o venres, tres o sábado e dúas o domingo.

Espazo Deputación

O mercado de artesanía reunirá oito propostas que amosan a diversidade e a calidade do sector artesanal galego: Ana Trasariz, D Rositas, Redeiras Artesás, Jerolas, Comeluz, Bo Peixe, Na Mea Nani e Hana No Boshi.

A actividade do mercado estará acompañada pola música de Gallaecia Small Band, encargada de poñer ritmo á contorna e contribuír á ambientación e dinamización do espazo durante a feira.

A presenza da Deputación no Ares Indiano busca así reforzar unha das citas culturais e turísticas máis singulares da comarca, combinando a recuperación da memoria vinculada á emigración coa promoción da creación contemporánea, a gastronomía e a artesanía galegas.

O Espazo Deputación converterase, deste xeito, nun punto de encontro entre tradición e creatividade, ofrecéndolle ao público unha programación pensada para descubrir, degustar e desfrutar de diferentes expresións da cultura galega no marco dunha celebración xa consolidada no calendario estival de Ares.