A Deputación impulsa o proxecto de turismo científico do Monte Pindo con 86.600 euros
A principal acción será a sinalización específica de tres itinerarios: a subida á Moa dende O Pindo, a ruta entre O Fieiro e A Moa, e o trazado Valdebois – Castelo de San Xurxo.
O convenio foi asinado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, que tamén representa neste proxecto a Carnota e Mazaricos.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, asinaron un convenio de colaboración para que a entidade provincial financie con 86.636 euros o proxecto de turismo científico no Monte Pindo. Esta achega supón o 80% do orzamento total, que ascende ata os 108.295 euros e que Dumbría xestiona en representación conxunta cos municipios de Carnota e Mazaricos.
A iniciativa busca consolidar un modelo turístico de calidade e sostible vinculado ao coñecemento científico e ao coidado do entorno natural. Entre as actuacións previstas inclúese o servizo de consultoría turística, a elaboración e tradución de material de promoción e, sobre todo, a sinalización de tres itinerarios: a subida á Moa dende O Pindo, a ruta entre O Fieiro e A Moa, e o trazado Valdebois – Castelo de San Xurxo.
O vicepresidente destacou que este proxecto supón "unha aposta decidida pola excelencia e a diferenciación da nosa oferta turística, capaz de atraer visitantes durante todo o ano e de xerar novas oportunidades económicas no territorio". Regueira sinalou ademais que "o Monte Pindo é un enclave único cuxa posta en valor debe ir da man do rigor científico, a seguridade nas rutas e a preservación do seu enorme patrimonio natural e cultural".
Regueira puxo igualmente o foco na dimensión territorial da iniciativa e na colaboración entre os concellos de Dumbría, Carnota e Mazaricos. «O Monte Pindo non entende de límites administrativos e a súa promoción tampouco debe facelo. A cooperación entre os tres concellos permite presentar este espazo como o que realmente é: un destino común, cun patrimonio natural e cultural extraordinario e con capacidade para xerar actividade económica e oportunidades para a poboación local», sinalou.
