Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Neda invisten preto de 200.000 euros na construción dunha nova pasarela e unha senda peonil en Neda

A institución provincial achega o 80% do orzamento total dunha obra que busca recuperar a conexión peonil coa praia da Magdalena e o paso do Camiño Inglés tras o colapso da antiga estrutura.

A Deputación e o Concello de Neda invisten preto de 200.000 euros na construción dunha nova pasarela e unha senda peonil en Neda

A Deputación da Coruña achega 160.000 euros ao Concello de Neda para financiar as obras da nova pasarela e a senda peonil sobre o río Belelle, no tramo que conecta este leito fluvial coa praia da Magdalena. O acordo contempla unha achega provincial de 159.967,26 euros, o que supón o 80% do investimento total, cuxo orzamento ascende a 199.959,07 euros. O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, asinaron o convenio este venres.

Esta intervención responde á necesidade de solucionar o corte do itinerario peonil producido en maio de 2024, data na que se esborrallou o antigo paso de madeira. A rotura da vella estrutura obrigou desde entón á veciñanza e visitantes a realizaren un desvío considerable polo centro urbano e a contorna da igrexa de Santa María para poder completar o percorrido entre o paseo marítimo e a vila.

O presidente, Valentín González Formoso, explicou que o convenio se asina "atendendo a unha petición do alcalde de Neda que, por unha parte, repón unha pasarela máis que necesaria e, por outra, incorpora un paseo peonil do río Belelle até a praia da Madalena". Neste sentido, salientou a colaboración permanente co Concello de Neda, concretada tamén a través do Plan Único de Concellos, "que este ano chega, polo de agora, aos 153 millóns de euros, pero que vai ter aínda unha achega adicional este ano. Falamos dun plan que supera na provincia da Coruña o investimento da Xunta nos 313 concellos galegos".

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a axuda da Deputación ante "a situación excepcional da perda que tivemos da pasarela e esa reposición que necesitabamos, por eso agradecemos o apoio da Deputación, un apoio que non tivemos por parte da Xunta". Neste sentido, destacou tamén o Plan Único, "que nos permite aos concellos investir en moitas infraestruturas que precisamos e non con plan finalistas ou aos que non damos accedido por cuestión de minutos".

O proxecto substitúe o deseño orixinal por unha liña máis resistente de perfís metálicos. A pasarela, cun van de 24 metros, apoiarase sobre os estribos e cimentacións de formigón armado xa existentes no río. Sobre esta base metálica instalarase unha tarima rañurada de madeira de alta durabilidade e unha nova varanda perimetral.

Ademais da pasarela principal, as obras inclúen a renovación e revisión integral de cinco tramos da senda peonil que discorre sobre a xunqueira sobre pilotes de madeira. Actuarase na substitución do taboado deteriorado, na colocación de novos rastreis de apoio e na aplicación de tratamentos protectores superficiais, co obxectivo de previr eventuais fallos na estrutura do paseo.

As actuacións axustaranse a un prazo de execución estimado de seis semanas desde o inicio dos traballos.