O Ría de Betanzos mantén o pleno de vitorias no V Circuito de Piragüismo Deputación da Coruña
A cuarta proba da competición provincial reuniu en Pontedeume a 258 deportistas de 11 clubs coruñeses
O Náutico Firrete e o Deportivo Náutico de Miño completaron o podio por equipos nun circuíto que terá as súas dúas últimas citas en Boiro e Betanzos
O Club Ría de Betanzos continúa dominando o V Circuito de Piragüismo Deputación da Coruña tras sumar en Pontedeume a súa cuarta vitoria consecutiva. O conxunto betanceiro impúxose na cuarta regata da competición con 4.041 puntos e mantén así o pleno de triunfos nas probas celebradas ata o momento nas Xubias, Ames, As Pontes e Pontedeume. O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o alcalde de Pontedeume e voceiro do goberno da Deputación, Bernardo Fernández, entregaron os premios aos gañadores das diferentes categorías.
A cita eumesa congregou a 258 deportistas pertencentes a 11 clubs da provincia, nunha nova xornada que puxo de manifesto a ampla implantación do piragüismo de base na Coruña. As categorías prebenxamín, benxamín e alevín competiron sobre unha distancia de 1.500 metros, mentres que infantís e cadetes afrontaron percorridos de 3.000 metros nas modalidades de K1 e C1.
Na clasificación por equipos, o Club Náutico Firrete acadou a segunda posición con 3.733 puntos, mentres que o Club Deportivo Náutico de Miño completou o podio con 3.482. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre foi cuarto, con 2.561 puntos, e o Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro ocupou a quinta posición con 2.316.
Ao longo da xornada disputáronse probas desde as categorías prebenxamíns ata cadetes, con presenza no podio de deportistas de numerosos clubs da provincia, entre eles o Ría de Betanzos, Náutico Firrete, Deportivo Náutico de Miño, Ribeiras do Tambre, Grupo Xuvenil Piragüismo As Pontes, Cabanas KDM, Piragüismo Rianxo, Escola de Piragüismo Outes, Piragüismo Narón, Rías Baixas-Boiro e Sociedade Deportiva As Xubias.
Dúas probas para pechar o circuíto
O V Circuito de Piragüismo Deputación da Coruña, que se desenvolve durante os meses de xullo, agosto e setembro, está integrado por seis regatas e ten como un dos seus principais obxectivos fomentar a práctica deportiva e a competición entre as categorías de formación do piragüismo coruñés.
Tras as catro probas xa celebradas, o calendario afronta agora a súa recta final. Boiro acollerá a quinta regata o vindeiro 29 de agosto, mentres que Betanzos será o escenario da última cita o 12 de setembro, na que quedará definitivamente resolta a clasificación do V Circuito Deputación da Coruña.
