A Deputación convoca os VI Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, dotados con 42.000 euros
A convocatoria inclúe cinco premios de 7.000 euros para proxectos e outro da mesma contía para recoñecer a traxectoria dunha entidade
As entidades interesadas poderán presentar as súas candidaturas entre o 1 e o 30 de setembro
A Deputación da Coruña convoca a sexta edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, unha iniciativa destinada a recoñecer o traballo que desenvolven as entidades sociais da provincia na defensa dos dereitos da cidadanía, na atención aos colectivos máis vulnerables e na mellora do benestar das persoas e das comunidades.
A convocatoria, que vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia, conta cunha dotación total de 42.000 euros e establece dúas modalidades. A primeira premiará cinco proxectos con 7.000 euros cada un, mentres que a segunda recoñecerá, tamén con 7.000 euros, a traxectoria dunha entidade que destaque polo seu labor no ámbito dos servizos sociais.
Os premios a proxectos distribúense en cinco categorías: investigación científica no ámbito dos servizos sociais; iniciativas no ámbito rural; persoas maiores, discapacidade e dependencia; familia, infancia e adolescencia; e inclusión social.
Poderán concorrer á convocatoria as entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais que desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña e estean inscritas como entidades de iniciativa social no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Xunta de Galicia.
O Premio de Boas Prácticas pretende poñer en valor iniciativas que contribúan a mellorar a atención social, fomentar a innovación e ofrecer respostas ás necesidades das persoas e colectivos máis vulnerables, ao tempo que recoñece o traballo continuado das entidades que conforman o tecido social da provincia.
No caso de que algunha das categorías de proxectos quede deserta, o xurado poderá conceder máis dun premio noutras categorías, mantendo un máximo de cinco candidaturas premiadas nesta modalidade. As entidades recoñecidas nalgunha das dúas edicións inmediatamente anteriores non poderán resultar premiadas nesta convocatoria.
Prazo aberto durante o mes de setembro
O prazo para presentar candidaturas abrirá o 1 de setembro de 2026 e permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 30 de setembro de 2026.
Tanto a presentación das solicitudes como o resto da tramitación realizaranse de forma telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.
