Le Miroir de Musique abre este sábado en Arteixo o ciclo Espazos Sonoros 2026
A igrexa de San Tomé de Monteagudo será o escenario do primeiro dos concertos dun programa que, entre o 5 de setembro e o 3 de outubro, levará a música histórica a seis enclaves patrimoniais da provincia e pechará a edición o 8 de outubro cun recital en Viena
"Este é un festival que xa se asentou no noso país e unha cita onde se pon en valor, sobre todo, a observación e a escoita do noso patrimonio desde o punto de vista da música", sinalou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas
O conxunto suízo Le Miroir de Musique ofrecerá ás 20 horas deste sábado, na igrexa de San Tomé, de Arteixo, o primeiro dos sete concertos de Espazos Sonoros 2026, unha iniciativa que naceu en 2008 coa vontade de unir música e patrimonio histórico ao longo da xeografía galega e da que, desde hai seis edicións, é o seu maior impulsor o departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña. Antes do recital, de balde, coma todos os do ciclo, está programada unha visita guiada ao templo arteixán.
Espazos Sonoros é, para o titular de Patrimonio, Xosé Penas, "un festival que xa se asentou no noso país e unha cita onde se pon en valor, sobre todo, a observación e a escoita do noso patrimonio desde o punto de vista da música". "Da música en maiúscula", salientou, "e sempre procurando levar ao resto da provincia outro tipo de observación do que é o noso patrimonio e outro tipo de escoita diferente da que temos habitualmente".
Para o deputado, "Espazos Sonoros é moito máis ca un ciclo de concertos: é unha invitación a mirar o noso patrimonio con outros ollos". "O obxectivo fundamental é descentralizar a oferta cultural e poñer en valor a riqueza arquitectónica, histórica e natural da provincia da Coruña a través da música".
Penas animou os afeccionados á música, "veciñanza e visitantes, a gozar dunha experiencia artística de primeiro nivel e, ao mesmo tempo, coñecer e valorar a historia dos espazos que nos definen como pobo". "Ademais", afirmou, "a proxección internacional coa cita en Viena consolida a capacidade da nosa cultura para traspasar fronteiras e dialogar con outros escenarios europeos".
O legado dos trobadores na Italia medieval
Miriam Trevisan, soprano; Jacob Lawrence, tenor, viola de arco medieval; e Baptiste Romain, viola de arco medieval, gaitas e dirección, e a formación que presentará Le Miroir de Musique o sábado na igrexa de San Tomé de Monteagudo. O conxunto suízo, especializado na música de transición entre a Idade Media e o Renacemento, pertence a unha nova xeración de intérpretes de música antiga nacida arredor da prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis.
O seu traballo pon especial atención na procura dun son pleno e nunha comprensión matizada da intención musical orixinal e explora, ao tempo, diversas formas de virtuosismo instrumental. A imaxe do "espello musical" está tomada do tratado "Speculum musicae", de Jacobus de Liexa, e reflicte a vontade de ofrecer unha visión viva dos repertorios que se interpretan, sempre desde o espírito das fontes orixinais.
O programa que os afeccionados poderán gozar o sábado no templo arteixán explora como a poesía e a arte de trobar occitana perduraron na Italia medieval, traspasando fronteiras lingüísticas e culturais.
Outras citas do ciclo
Espazos Sonoros continuará o 12 de setembro no Teatro-Cine Alfonsetti de Betanzos con Das Kolorit; o 19 de setembro, no santuario da Nosa Señora da Laxe de Vilasantar, con Reïna Lupa; o 26 de setembro, na igrexa de Santiago da Pobra do Deán, na Pobra do Caramiñal, con Sara Ruiz; e o 27 de setembro, no Forno do Forte de Malpica de Bergantiños, co Dúo Abeiro. O 3 de outubro, Grupo 1500 ofrecerá o último concerto da programación galega na igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras.
O ciclo concluirá o 8 de outubro na capital de Austria coa terceira edición do Serán Galego en Viena ("Galicische Nacht in Wien"), unha iniciativa froito da cooperación entre Espazos Sonoros e Sargfabrik que contribúe a difundir a creación musical galega nun contexto internacional.
