Reunión do tribunal das bolsas de estudos e dos premios á excelencia do Conservatorio Profesional de Danza
O tribunal encargado de valorar as solicitudes das bolsas de estudos e dos premios á excelencia do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña reuniuse no Pazo Provincial para avanzar na resolución da convocatoria correspondente ao ano 2026.
A convocatoria, regulada polas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia número 87, do 24 de abril de 2026, ten como obxectivo apoiar o alumnado do Conservatorio no desenvolvemento da súa formación e recoñecer o talento e a excelencia na danza.
O tribunal estivo presidido pola deputada delegada especial de Educación e Mocidade, Yoya Neira Fernández, e contou coa participación de Paula Vázquez Sesmonde, Abdeslam Ismael El Berdei Montero e María Mercedes Rey González como vogais. Belén Abad López, secretaria do Conservatorio Profesional de Danza, exerceu como secretaria do tribunal.
As bolsas de estudos están destinadas a facilitar que o alumnado poida continuar e desenvolver a súa formación artística nas mellores condicións posibles. Pola súa banda, os tres premios á excelencia na danza clásica recoñecen o rendemento académico e artístico, a dedicación e a traxectoria do alumnado que destaca nesta disciplina.
Yoya Neira salientou que «estas bolsas son unha ferramenta para apoiar o talento da nosa mocidade e garantir que as circunstancias económicas non sexan un obstáculo para desenvolver unha formación artística de calidade». A deputada destacou tamén o valor dos premios á excelencia, que definiu como «un recoñecemento ao enorme esforzo, á constancia e ás moitas horas de traballo que require a formación na danza e ao talento do alumnado que destaca pola súa traxectoria».
Tras a reunión do tribunal, o procedemento continuará coa resolución definitiva das bolsas e dos premios correspondentes á convocatoria de 2026, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días.
