Estás en:Novas

Cultura da Deputación e o Concello de Santiago abren novas portas para descubrir o patrimonio invisible de Compostela

A Semana do Patrimonio Invisible, impulsada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, vaise celebrar do 7 ao 11 de setembro e volve contar coa colaboración da Deputación da Coruña a través dun convenio co Auditorio de Galicia

Na presentación hoxe do programa, a deputada Natividade González destacou "a capacidade do ciclo para descubrir a herdanza monumental da cidade e para facer da cultura algo vivo, próximo e compartido"

Cultura da Deputación e o Concello de Santiago abren novas portas para descubrir o patrimonio invisible de Compostela

Compostela vivirá do 7 ao 12 de setembro seis días dedicados a descubrir, coñecer, vivir e repensar o seu patrimonio coa celebración da oitava edición da Semana do Patrimonio Invisible e As Noites do Patrimonio, dúas iniciativas complementarias coas que o Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, procura achegar á cidadanía a riqueza patrimonial da cidade desde unha perspectiva ampla, participativa e contemporánea.

A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación dos programas, nunha rolda de prensa que compartiu coa concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e co xestor cultural de Trivium, Manuel Rial.

A área de Cultura da Deputación da Coruña", explicou González, "volve colaborar con esta iniciativa a través do convenio con Auditorio de Galicia, un convenio que fomos incrementando ao longo destes anos porque entendemos que apoiar a cultura en Compostela é tamén apoiar a cultura de todo o país".

Para a deputada de Cultura, "a Semana do Patrimonio Invisible e As Noites do Patrimonio teñen, ademais, algo que me parece especialmente fermoso: permítenos mirar Compostela doutro xeito". "Abrir espazos", engadiu, "que habitualmente permanecen pechados, descubrir o que se agocha detrás de edificios polos que pasamos tantas veces e achegarnos á súa historia a través de visitas coidadas e en grupos reducidos".

Ese espírito do ciclo ten, segundo González, "tamén moito que ver coa maneira na que entendemos a cultura desde a Deputación: coma un dereito e coma unha ferramenta para coñecermos e recoñecermos o noso patrimonio". "Porque", destacou, "conservar o patrimonio non significa unicamente protexelo; significa tamén abrilo, explicalo, compartilo e conseguir que a cidadanía o sinta como propio".

Programa e reservas

Do 7 ao 11 de setembro, o público d'Semana do Patrimonio Invisible poderá descubrir espazos como o Convento do Carme, o Pazo de Bendaña-Fundación Granell, As Orfas, Museo do Pobo Galego, —que se abren por primeira vez ao público no marco destas visitas—, outros como o Pazo Arcebispal, o Pazo de Raxoi, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, as escavacións da Catedral e os Mananciais de Compostela, ademais da tradicional visita secreta coa que se pechará a programación o venres.

As reservas realizaranse a través do formulario dispoñible a partir do venres 4 ás 12 horas nas webs patrimonioinvisible.gal e compostelacultura.gal.

As Noites do Patrimonio

A programación das Noites do Patrimonio comezará xa na tardiña do venres 11 e prolongarase durante a noite do sábado 12. Compostela súmase así un ano máis á iniciativa compartida co resto das cidades que integran o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, cun programa que busca poñer en valor o patrimonio desde unha perspectiva diversa e participada, fortalecer o sentimento de pertenza e favorecer que a cidadanía resignifique os espazos da cidade como propios, máis alá dun uso exclusivamente turístico.

Todas as actividades dos dous programas pódense consultar e descargar na web compostelacultura.gal.