A Deputación e ADEGA renovan a súa colaboración para impulsar o Proxecto Ríos na provincia da Coruña
Rosa Ana García destaca "o valor da participación cidadá para coñecer, protexer e recuperar os nosos ecosistemas fluviais"
O programa desenvolverá cción de educación ambiental, formación, voluntariado, limpeza e custodia fluvial, ademais de actividades vinculadas á conmemoración dos 20 anos do Proxecto Ríos
A Deputación da Coruña e ADEGA renovan a súa colaboración para dar continuidade durante 2026 ao Proxecto Ríos, unha das iniciativas de educación e voluntariado ambiental con maior implantación en Galicia.
A deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, e o presidente de ADEGA, Manuel Soto, asinaron o convenio que permitirá continuar desenvolvendo na provincia un amplo programa de actuacións destinadas ao coñecemento, conservación e mellora dos ecosistemas fluviais.
Rosa Ana García destacou que esta colaboración "combina educación ambiental, coñecemento científico e participación cidadá para implicar directamente ás persoas no coidado dos ríos". "Os ríos forman parte do noso patrimonio natural, da nosa paisaxe, da nosa historia e da vida dos nosos concellos. Coñecelos mellor é o primeiro paso para protexelos", sinalou.
A deputada puxo tamén en valor "o importante traballo desenvolvido por ADEGA durante dúas décadas para crear unha rede estable de voluntariado ambiental e achegar o coñecemento dos ecosistemas fluviais aos centros educativos, asociacións e concellos".
Pola súa banda, o presidente de ADEGA, Manuel Soto, puxo en valor a colaboración da Deputación da Coruña neste programa de educación ambiental. "O Proxecto Ríos naceu coa vontade de achegar a cidadanía ao medio fluvial e de reinvidicar a riqueza ambiental, social e cultural destes ecosistemas. 20 anos despois, seguimos traballando co noso obxectivo", explicou.
O Proxecto Ríos naceu en Galicia en 2005 coa finalidade de divulgar a situación ambiental dos cursos fluviais, aumentar a concienciación ambiental e promover a participación cidadá na súa conservación. O voluntariado realiza inspeccións dos ríos nas que analiza aspectos como a calidade da auga, o estado do bosque de ribeira ou a presenza de flora e fauna.
A provincia da Coruña ten un peso especialmente relevante dentro do programa. Dos 317 grupos de voluntariado inscritos a finais de 2025, 103 pertencen á provincia da Coruña, o 32 % do total. Só durante 2025 incorporáronse 21 novos grupos ao Proxecto Ríos.
Formación, voluntariado e custodia fluvial
O programa para 2026 inclúe a coordinación e asesoramento dos grupos de voluntariado, a entrega de materiais para realizar as inspeccións dos ríos, un curso teórico-práctico de formación e dez saídas formativas nas que o equipo educativo de Proxecto Ríos acompañará aos grupos para analizar sobre o terreo os ecosistemas fluviais.
Outra das liñas destacadas será a custodia fluvial, especialmente nas beiras do río Sar, en colaboración cos concellos de Ames e Santiago de Compostela. Entre as actuacións previstas figuran a eliminación de especies exóticas invasoras, a recuperación de hábitats para anfibios e réptiles, a instalación de refuxios para fauna, a plantación de árbores autóctonas e a recuperación de elementos patrimoniais.
O convenio contempla tamén asesoramento técnico aos concellos da provincia en cuestións como biodiversidade, restauración dos bosques de ribeira, especies invasoras, custodia fluvial ou identificación de problemáticas ambientais nos cursos de auga.
Entre as actividades máis participativas estará unha nova edición da Limpeza Simultánea de Ríos, baixo o lema "Móllate polos Ríos", que terá lugar o 4 de outubro e coa que se prevé promover arredor de vinte limpezas. Esta iniciativa mobiliza cada ano persoas voluntarias para retirar residuos dos cursos fluviais.
Vinte anos do proxecto Ríos
A colaboración deste ano estará tamén marcada pola celebración dos 20 anos do Proxecto Ríos. Entre as accións previstas figura a continuidade da campaña #SúmateáCorrente, a instalación da exposición "20 anos do Proxecto Ríos" en dez centros educativos, colectivos sociais ou concellos e a elaboración dunha publicación conmemorativa cos principais datos de participación cidadá acumulados ao longo destas dúas décadas.
Ao longo da súa traxectoria, o Proxecto Ríos conseguiu artellar en Galicia unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos de voluntariado, cunha presenza especialmente importante da comunidade educativa.
O programa previsto para 2026 conta cun orzamento total de 37.846,58 euros, destinado fundamentalmente a persoal, materiais para as actividades, desprazamentos, divulgación e contratacións necesarias para desenvolver o proxecto.
