O Gran Premio de Fútbol Base Deputación da Coruña reúne en Narón a máis de 1.000 futbolistas da canteira dos mellores equipos de España, Portugal, Alemania e Italia
Valentín González Formoso asistiu hoxe á xornada inaugural do evento, no que participan 94 equipos e que reunirá a miles de persoas ata o domingo no estadio de Río Seco
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto ao e o presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, Rafael Pazos Louro, na xornada inaugural do Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón, unha das grandes citas do fútbol base, que se dsputará durante toda a fin de semana no Estadio Municipal de Río Seco.
A competición reúne nesta edición 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas das categorías benxamín e alevín, con presenza de clubs galegos e españois como o RC Deportivo, RC Celta, Sporting de Gijón ou Real Oviedo, ademais de equipos procedentes de Portugal, Alemaña e Italia.
Durante a visita, Valentín González Formoso destacou a dimensión que acadou o torneo e a importancia que ten para a Deputación da Coruña apoiar competicións centradas no deporte de base. "Durante estes días Narón convértese na capital española do fútbol base. Aquí están máis de mil rapaces e rapazas compartindo deporte, convivencia e ilusión, e iso é precisamente o que queremos apoiar desde a Deputación", afirmou.
O presidente provincial salientou tamén o traballo realizado pola SDCR Narón O Freixo ao longo das once edicións da competición. "Detrás dun evento destas características hai moitísimas horas de traballo e a implicación de todo un club. O mérito é de quen conseguiu facer medrar este torneo ano tras ano ata convertelo nunha referencia dentro e fóra de Galicia", sinalou.
A Deputación incorpórase este ano como principal patrocinador da competición cunha achega de 90.000 euros, o 80% do orzamento total do evento, co obxectivo de reforzar a súa organización e contribuír ao seu crecemento e proxección.
Formoso incidiu en que este apoio pretende darlle un novo impulso ao crecemento do torneo. "Queremos que Narón siga sendo unha referencia para o fútbol base e que este Gran Premio continúe medrando. Temos un evento consolidado, un club cunha enorme capacidade organizativa e unhas instalacións que durante esta fin de semana van recibir a miles de persoas", apuntou.
A competición desenvolverase en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial, cunha intensa programación de encontros. Tras a primeira fase, os equipos competirán nas fases Prata e Ouro. O sábado disputarase a Fase Prata, mentres que o domingo será a quenda da Fase Ouro, que incluirá fase de grupos, cuartos de final, semifinais e finais.
Valentín González Formoso regresará o domingo pola tarde a Narón para asistir ao acto oficial de entrega de premios coa que se pechará o torneo. Ademais dos trofeos para os equipos mellor clasificados, a organización distinguirá o mellor xogador e o mellor porteiro de cada categoría.
O Gran Premio Deputación ten tamén unha importante repercusión para Narón e Ferrolterra, pola presenza durante estes días de centos de familiares, persoal técnico e acompañantes dos equipos, cun impacto directo na hostalaría, na restauración e no comercio local. A organización aspira nesta edición a superar os 5.000 asistentes, fronte aos arredor de 3.500 rexistrados o pasado ano.
