Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 1,42 millóns de euros para apoiar 69 festivais na provincia en 2026

"Con este investimento reafirmamos o compromiso da área provincial de cultura coas artes escénicas, o cinema e a música, garantindo unha programación diversa, descentralizada e de calidade que chega a todos os recunchos do territorio", valorou a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación da Coruña destina 1,42 millóns de euros para apoiar 69 festivais na provincia en 2026

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña ven de facer pública a resolución definitiva do programa FO223/2026, de subvencións para o apoio ao desenvolvemento de festivais na provincia ao longo do ano 2026. A través desta liña de financiamento, a administración provincial mobiliza este ano un importe de 1.426.222 euros, destinados a apoiar 69 festivais promovidos tanto por concellos e entidades locais (Modalidade A), como por entidades sen ánimo de lucro (Modalidade B) e empresas ou profesionais do sector (Modalidade C).

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a relevancia da resolución e afirmou que "os festivais son un dos motores culturais, sociais e económicos máis potentes da nosa provincia". "Con este investimento", engadiu, "reafirmamos o compromiso da Deputación coas artes escénicas, o cinema, a arte urbana e a música, garantindo unha programación diversa, descentralizada e de calidade que chega a todos os recunchos do territorio".

González incidiu tamén no impacto estratéxico do programa FO223: "Os festivais non só dinamizan a vida cultural das nosas vilas e cidades, senón que tamén son xeradores de emprego local, fomentan a inclusión, poñen en valor o patrimonio e atraen a milleiros de visitantes, consolidando a provincia da Coruña como un referente cultural de primeiro nivel".

Curtocircuíto, Carballo Interplay, Cineuropa, Jazz Noia, Noites de Jazz Rianxo, Chanfaina Lab, Castelo Conta, Festórreo, Olloboi, Sisons e Castelo Rock algúns dos festivais que recibirán as axudas. A listaxe completa mais a contía das subvencións poden consultarse no BOP do 8 de setembro.