Estás en:Novas

Charo Lopes, XXIII premio González Garcés de Poesía

Da obra gañadora, "O diálogo das siamesas", o xurado valorou "a construción dunha voz bicéfala con retranca e humor negro que indaga na dualidade, na negociación interna"

Charo Lopes, XXIII premio González Garcés de Poesía

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra "O diálogo das siamesas", presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado por autoras e autores galegos de recoñecido prestixio e que representan diferentes xeracións da poesía galega actual: Marta Dacosta, Daniel Salgado, Silvia Penas, Jesús Castro e Estíbaliz Espinosa Río. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa da área provincial de Cultura.

Da obra premiada, das 72 que concorreron ao certame, o xurado destacou que é "un relato actual do mundo, do presente, que supera a experiencia persoal, o cotiá e os grandes temas con eficacia". O comité avaliador valou "a construción dunha voz bicéfala con retranca e humor negro que indaga na dualidade, na negociación interna". "A través dun corpo compartido", salientou, "a autora consigue unha translación do eu ao colectivo, nun conxunto de poemas formalmente ben articulado, con amplos rexistros e carácter, con moi bo manexo da repetición e catalogación dos seus elementos".

A autora

Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).

Como poeta gañou o 1º premio Xuventude Crea 2014 por "Random do quotidiano", o Fiz Vergara Vilariño, co que publicou "De como acontece o fim do mundo" (Espiral Maior, 2016), e o XXXV premio de poesía Cidade de Ourense, con "Álbum" (Aira Editorial, 2020).

En 2026 escribiu unha biografía de Begoña Caamanho, publicada no volume "Begonha Caamanho, uma das nossas", xunto con un traballo de Lara Rozados e outro texto de Isaac Lourido.

Na actualidade é membro do consello de redacción no periódico "Novas da Galiza" e fai labores de comunicación e edición en Através Editora. Como fotógrafa está especializada en retrato.