Estás en:Novas

“A Sede”, de Rubén M. Mosteiro, e “Alborada Noh”, de Félix Pérez Oliveira, premios Antonio Fraguas de Artesanía 2026

Unha selección de 26 pezas formará parte da exposición itinerante do certame, que percorrerá diversas localidades da provincia nos vindeiros meses

“A Sede”, de Rubén M. Mosteiro, e “Alborada Noh”, de Félix Pérez Oliveira, premios Antonio Fraguas de Artesanía 2026

A Deputación da Coruña resoveu o XIV Premio de Artesanía Antonio Fraguas, un dos galardóns de referencia no apoio ao oficio artesán e á creación contemporánea na provincia. Nesta edición, os gañadores, por unanimidade, son Rubén M. Mosteiro, na categoría de artesanía tradicional, pola obra "A Sede"; e Félix Pérez Oliveira, na categoría de artesanía contemporánea, pola peza "Alborada Noh".

O xurado, reunido no IES Rosalía Mera, acordou ademais seleccionar as 26 pezas que formarán parte da exposición itinerante do premio, que chegará a varios concellos da provincia nos próximos meses.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, que tivo como vogais a Verónica Moar Suárez, Julia de la Cal Rodríguez, Juan Marcos Adrio Fondevila e María Dolores Dopico Aneiros. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa da área provincial de Cultura.

De "A Sede", o xurado salienta que se trata dunha peza realizada no torno, de gran dimensión e cunha notable complexidade na súa execución, así coma "o coidado dos detalles, a precisión técnica e o dinamismo do conxunto". Segundo o comité avaliador, "é un traballo de raíz tradicional que mantén vivo o oficio e demostra a súa capacidade para encaixar e adquirir novos significados no contexto actual".

Para o xurado, "Alborada Noh" é "unha peza dunha extraordinaria calidade, que emprega técnicas de artesanía con plumas cunha gran plasticidade, dinamismo e sutileza, e de gran risco construtivo e expresivo; un traballo que xunta excelencia técnica e plástica".

A deputada de Cultura puxo en valor desta edición do Premio Antonio Fraguas que "confirma a vitalidade da artesanía galega, a súa capacidade para dialogar co presente e a importancia de apoiar os oficios que forman parte da nosa identidade cultural".

Exposición itinerante

Como en cada edición, o premio Antonio Fraguas chegará, nos próximos meses, a varios concellos da provincia coa exposición itinerante dunha selección das obras presentadas ao certame. Este ano será estas 26:

"Dengue Noir", de María Luisa Estévez Rodríguez.

"Culeiros", de Santiago Besteiro García.

"Musgo y piedras, de Inés Rodríguez Rodríguez.

"Batente", de María Sandra Bastón Cadabón.

"Preto", de María Sandra Bastón Cadabón.

"A Sede", de Rubén Martínez Mosteiro.

"Trama", de Jonatan Sarachaga Casalderrey.

"Ébanum", de Estefanía Gazol Valcárcel.

"Papirografía vital Vol. II", de Cristina Velasco Mora.

"Entre piñeiros e mimosas", de María Minia Braña Gómez.

"Luminaria", de Edita Rodríguez Oca.

"Adega modular", de Edita Rodríguez Oca".

"Costureiro. Artefacto de oficio", de Frank Buschmann.

"Cinzas", de Pablo Rodríguez Díaz.

"Alborada Noh", de Félix Alfonso Pérez Oliveira.

"Barbaza", de Félix Alfonso Pérez Oliveira.

"Argazos", de Félix Alfonso Pérez Oliveira.

"Cesta Mochila", de Victor Manuel Montero.

"Reliquia", de Nuria Manzano Vall.

"Cántaro", de María Dolores García Romaneli.

"Brava", de Carlos Fernández López.

"Pataca nova de fóra", de Carlos Fernández López.

"Gromos", de César Rodríguez Castiñeiras.

"Orixe", de Ana Rosa Lista Sebe.

"Estela de Terra (II)", de Pablo Sánchez Otero.

"Pendente (II)", de Sofia Rivas Souto.